Irán nega un acordo con Trump, que envía un plan de 15 puntos para acabar coa guerra
O exército iraniano tamén advertiu que o prezo do petróleo non volverá ser o que era ata que as Forzas Armadas iranianas garantan a estabilidade da rexión
Segundo medios dos EUA, o Pentágono ordenou este martes a despregadura de polo menos 2.000 paracaidistas en Oriente Medio
O exército de Irán negou este mércores, vixésimo sexto día de guerra, que haxa negociacións con Washington, en resposta ás declaracións do presidente dos Estados Unidos Donald Trump, e anunciou unha nova onda de ataques contra Israel en apoio a Hezbollah.
Mentres, segundo medios estadounidenses, o Pentágono ordenou a véspera a despregadura de polo menos 2.000 paracaidistas do exército dos EUA en Oriente Medio.
Irán: "Non lle chames acordo á túa derrota"
Nun comunicado recollido pola axencia Tasnim, vinculada á Garda Revolucionaria iraniana, o voceiro do Comando Unificado de Operacións Khatam Al-Anbiya insistiu en que as declaracións da Casa Branca sobre negociacións coa República Islámica son falsas.
"Non lle chames acordo á túa derrota. A era das túas promesas terminou", reza o comunicado.
O exército iraniano tamén advertiu que o prezo do petróleo non volverá ser o que era ata que as Forzas Armadas iranianas garantan a estabilidade da rexión.
Arredor das 06:00 GMT, o barril de brent, de referencia en Europa, situábase lixeiramente por encima dos 100 dólares (100,42).
Nova fase de ataques
A Garda Revolucionaria iraniana anunciou este mércores o inicio dunha nova onda de ataques contra Israel e dixo que xa golpeou puntos estratéxicos e instalacións militases do norte do país en apoio a Hezbollah, segundo un comunicado recollido pola axencia Tasnim, vinculada ao corpo de elite do exército persa.
Teherán afirma que esta operación marca o inicio dunha serie de accións contra Israel e advertiu que tanto as posicións das tropas hebreas en Palestina, cidades israelís como Tel Aviv, Kiryat Shmona ou Bnei Brak e bases militares estadounidenses da rexión serán obxecto de intensos ataques.
Ao longo da noite, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) identificaron polo menos tres andanas de mísiles lanzados desde Irán. Países do Golfo como Bahrein ou Arabia Saudita tamén anunciaron que interceptaron drons, que en Kuwait provocaron un incendio no aeroporto internacional.
Nove mortos e máis de 40 feridos no Líbano
Polo menos nove persoas morreron e máis de 40 foron feridas no Líbano en novos bombardeos de Israel, que ordenou o desprazamento forzoso de poboación.
Israel volveu emitir ordes de evacuación para o Líbano, nesta ocasión para sete zonas dos suburbios do sur de Beirut, entre elas Haret Hreik, Yobeiri e Laylaki.
Trump: o pau e a cenoria
Aplicando a vella estratexia de recompensa e ameaza, Trump continúa con dúas vías aparentemente abertas: por unha banda mostrouse convencido o martes de que Irán e Washington van alcanzar un acordo, aínda que a República Islámica recoñece contactos indirectos pero rexeita que haxa negociación.
Segundo The New York Times, Os Estados Unidos trasladarían a Irán este martes unha proposta de 15 puntos para tentar poñer fin á guerra en Oriente Medio. As fontes anónimas citadas polo diario sinalaron que o plan foi canalizado a través de Paquistán e inclúe liñas xerais relacionadas co programa nuclear.
Por outro, segundo medios dos EUA, o Pentágono ordenou este martes a despregadura de polo menos 2.000 paracaidistas do exército norteamericano en Oriente Medio para ofrecer novas posibilidades de acción a Trump, segundo The Washington Post.
The New York Times di que a medida podería chegar a ser utilizada para tomar a illa de Kharg, principal centro de exportación de petróleo de Irán.
Chanceler chinés aprema o seu par iraniano a iniciar conversacións de paz
O ministro chinés de Exteriores Wang Yi exhortou a retomar a vía do diálogo para poñer fin á guerra de Irán e iniciar conversacións de paz canto antes durante unha chamada telefónica co seu homólogo iraniano Abbas Araqchi.
O bloqueo parcial de Irán no estreito de Ormuz disparou os prezos do petróleo e da enerxía e afecta especialmente a Asia, que depende en gran medida da subministración desde esta vía estratéxica. As Filipinas declararon onte o estado de emerxencia enerxética con apenas un mes de recursos dispoñible.
Irán permite o paso a buques non hostís
A misión de Irán ante a ONU afirmou este martes en X que os buques non hostís que non participen nin apoien ataques a Irán poden transitar polo estreito de Ormuz.
Segundo a misión, os navíos doutros países que non participen nin apoien actos de agresión contra Irán e cumpran coas normas de seguridade declaradas poden transitar de maneira segura" polo estreito, en coordinación coas autoridades iranianas competentes.