A esquerda gaña as eleccións en Dinamarca, pero os centristas serán árbitros
O bloque de esquerdas obtivo o 48,2 % dos votos e 84 escanos, fronte ao 44,1 % e os 77 deputados que conseguiu a dereita
O Partido Socialdemócrata foi o máis votado e o Liberal mantense como o máis apoiado no bloque de dereita malia colleitar os peores resultados nun século
REUTERS/Leonhard Foeger
O bloque de esquerda da primeira ministra socialdemócrata Mette Frederiksen gañou este martes as eleccións lexislativas danesas pero non obtivo maioría, o cal volve colocar como árbitro o centrista Os Moderados, que podería impulsar a formación dun goberno de centro, como a pasada lexislatura.
Escrutado o 100 % dos votos, a esquerda obtivo o 48,2 % e 84 escanos, fronte ao 44,1 % e 77 deputados que conseguíu a dereita. Así, os 14 mandatos dos Moderados serían decisivos e os catro deputados que reparten a partes iguais os territorios autónomos de Groenlandia e as Illas Feroe poderían ter relevancia.
No caso de Groenlandia, os colexios electorais non pechan ata as 23:00 GMT e o resultado non se coñecerá deica o mércores.
O Partido Socialdemócrata foi o máis votado, co 21,9 %, aínda que recolleu o peor resultado nun século, por diante do Partido Socialista Popular, co 11,5 %, e o Partido Liberal, co 10,2 %, as peores cifras na súa historia, aínda que podería manterse como a forza máis votada no bloque de dereita, ao contrario do que apuntaban as sondaxes a pé de urna.
A Alianza Liberal sería cuarta co 9,4 %, seguida polo ultradereitista Partido Popular Danés, co 9,1 %, e Os Moderados, co 7,7 %.
A coalición de goberno perde máis de dez puntos
As tres forzas que gobernaron xuntas a pasada lexislatura -socialdemócratas, Partido Liberal e centristas- retroceden dez puntos porcentuais e quedan lonxe da maioría.
Esa coalición foi unha fórmula inédita na política danesa á que recorreu Frederiksen aludindo á difícil situación xeopolítica, malia que tiña maioría coa esquerda, con cuxo apoio dirixira o país entre 2019 e 2022.
Mette Frederiksen: "Sigo estando lista para asumir a responsabilidade como primeira ministra de Dinamarca"
"Sigo estando lista para asumir a responsabilidade como primeira ministra de Dinamarca os próximos catro anos", dixo Frederiksen na festa electoral do seu partido, e engadiu que non será fácil e que todos deben aceptar compromisos, sen dar máis pistas.
Frederiksen admitiu que esperaba un resultado mellor, pero lembrou que o seu partido segue sendo o máis votado, que só retrocedeu catro puntos respecto a 2019 e que era normal perder apoios polo desgaste do poder e por dirixir o país nuns anos marcados por crises como o coronavirus, a guerra rusa en Ucraína e as ameazas dos Estados Unidos para tentar facerse con Groenlandia.
"Dinamarca necesita un goberno estable e competente e estamos listos para encabezalo", dixo Frederiksen.
Lars Løkke Rasmussen: "Vide connosco. Estamos no medio"
O líder moderado, o exprimeiro ministro liberal e agora ministro de Exteriores Lars Løkke Rasmussen, lembrou que o seu partido, creado hai apenas catro anos, conseguiu romper a política de bloques nos anteriores comicios e logrouno de novo agora, sendo ademais o que menos retrocedeu dos tres.
Rasmussen asegurou que o Goberno foi un éxito, aínda que admitiu o revés electoral, e fixo un chamamento tanto a Frederiksen como ao líder do Partido Liberal e actual ministro de Defensa, Troels Lund Poulsen, para que abandonasen o distanciamento mostrado na campaña electoral.
"Vide connosco. Estamos no medio. Apurástesvos para situarvos nunha esquina. Nós seguimos aquí aínda", dixo Rasmussen na festa electoral do seu partido, resaltando que non hai ningunha maioría, nin á súa esquerda nin á dereita.
Varios analistas políticos daneses especularon tras o resultado electoral coa formación dun goberno de centro que, á parte das tres forzas actuais, incluíse tamén o Partido Conservador e o Partido Social Liberal, agora no bloque de esquerda pero que no pasado apoiou executivos de centrodereita.
Esa fórmula sumaría 94 escanos, catro máis dos necesarios para a maioría absoluta.
"Vou dicir a alguén que coñezo desde hai moitos anos, Lars Løkke Rasmussen, que tentemos formar un goberno de centro coa dereita", dixo Poulsen, quen asegurou que non gobernaría cos socialdemócratas e iría á oposición, o mesmo que dixera hai catro anos o seu predecesor no cargo.
Poulsen admitiu que o resultado non era o esperado, pero resaltou que o seu partido segue sendo a primeira forza no bloque de dereita.
Gran resultado dos socialistas e da dereita xenófoba clásica
No bloque de esquerda, a forza política que máis avanza é o Partido Socialista Popular, máis de tres puntos, confirmando o histórico triunfo logrado nas eleccións europeas de 2024 e o bo resultado nas municipais de hai catro meses, nas que arrebatou aos socialdemócratas a alcaldía de Copenhague despois dun século.
No bloque de dereita, o gran triunfador é o Partido Popular Danés, forza precursora hai dúas décadas dunha liña dura en inmigración en Dinamarca e o resto de Escandinavia, que recuperaría peso na política danesa tras o desastre de 2022, triplicando os seus votos.
Ata doce forzas políticas superan a barreira mínima do 2 % para entrar no Folketing (parlamento danés), o mesmo número que na actualidade.
A campaña electoral estivo dominada por cuestións como a política fiscal, o imposto sobre o patrimonio, a reforma das pensións, axudas para afrontar a crise ou a inmigración, xunto con cuestións como o benestar dos animais no potente sector porcino.