Irán combate os disturbios desconectando internet e a telefonía móbil
Polo menos 51 mortos e máis de dous mil detidos nas dúas semanas de manifestacións
As protestas en Irán contra o réxime islámico comezaron hai 14 días en Teherán por motivos económicos, pero deseguido convertéronse en manifestacións contra o goberno dos ayatolás.
Este xoves, o goberno decidiu cortar internet e apagar a telefonía movil, para dificultar a coordinación entre os manifestantes e a difusión das imaxes da represión.
Agora mesmo só saen ao exterior imaxes difundidas desde teléfonos con conexión satelital.
O goberno de Irán culpa dos disturbios aos Estados Unidos e a Israel
Sen cifras oficiais, a oenegué Dereitos Humanos en Irán, asegura desde Oslo que nestas dúas semanas de protestas morreron polo menos 51 persoas, e máis de dúas mil foron detidas.
A axencia oficial de Irán confirmou a morte de dous policías e o incendio provocado dunha mesquita.
A fiscalía xeral de Irán cualifica de criminais de guerra aos manifestantes, mentres que o Exército culpa ao goberno dos Estados Unidos e ao de Israel de estar detrás do que denominan actividade dos grupos terroristas no interior do país.
Este sábado, o secretario de Estado norteamericano e a presidenta da Comisión Europea mostraron o seu apoio aos manifestantes.
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump leva algún tempo advertindo dunha posible intervención militar se o goberno de Irán segue reprimindo á sua poboación.
O réxime prepara unha manifestación de apoio para este luns en Teherán
O herdeiro do último sha de Irán, Reza Pahlavi, desde a súa casa nos Estados Unidos, pediu a convocatoria dunha folga indefinida.
O réxime, encabezado polo líder supremo, o ayatolá Alí Jamenei, prepara para este luns en Teherán unha gran manifestación dos seus partidarios.