Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán anuncia que manterá negociacións nucleares cos Estados Unidos o venres en Omán

Irán anuncia que manterá negociacións nucleares cos Estados Unidos o venres en Omán

As conversas celebraranse baixo a ameza de Washington dunha intervención militar tras as protestas nas que faleceron  máis de 3.000 segundo di o país persa

O portaavións Lincoln forma parte do despregamento militar do EUA no Golfo Pérsico. Reuters O portaavións Lincoln forma parte do despregamento militar do EUA no Golfo Pérsico. Reuters
G24.gal 04/02/2026 21:34

Irán anunciou este mércores que manterá negociacións nucleares cos Estados Unidos o venres en Omán, que se celebrarán baixo as ameazas dunha intervención militar de Washington, que desprazou unha frota militar a augas próximas a este país.

“As conversacións nucleares cos Estados Unidos están programadas para celebrarse en Mascate ao redor das 10 da mañá do venres”, informou o ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí, en X.

O anunciou prodúcese tras varios días de especulacións sobre se se celebrarían as negociacións entre os dous históricos rivais e despois de que se apuntase a un posible cumio rexional en Istambul coa presenza de altos cargos de países da zona.

As negociacións chegan tras as ameazas do presidente estadounidense, Donald Trump, de intervir militarmente no país se non se alcanza un acordo que impida á República Islámica desenvolver unha arma nuclear.

Esas ameazas estiveron acompañadas do despregamento do portaavións Abraham Lincoln e o seu grupo de combate  xunto con miles de soldados adicionais, preto das augas iranianas no golfo Pérsico despois de que Trump afirmase que ía axudar aos manifestantes nas protestas que sacudían o país.

O secretario de Estado dos Estados Unidos, Marco Rubio, insistiu este mércores en que as negociacións con Irán para un acordo nuclear deben incluír tamén a limitación do programa de mísiles balísticos da República Islámica e o apoio a grupos rexionais como Hizbulá, algo que Teherán rexeita.

Irán e os Estados Unidos xa mantiveron o ano pasado varias roldas de negociación en Mascate, con Omán como intermediario, pero que chegaron ao seu fin tras o inicio da guerra entre Irán e Israel en xuño de 2025, e na que Washington participou co bombardeo das instalacións nucleares iranianas.

Tras ese conflito, Teherán negouse a negociar con Trump, quen abandonou en 2018 unilateralmente o acordo nuclear de 2015 que limitaba o programa nuclear iraniano e reimpuso sancións económicas contra o país persa.

As negociacións chegan despois das protestas nas que Irán recoñece que morreron 3.117 persoas, unha cifra que organizacións opositoras como HRANA, con sede nos EUA, sitúan en 6.872, aínda que continúa verificando máis de 11.000 denuncias de posibles mortes.  Ademais denuncia máis de 40.000 arrestos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade