Irán ameaza con atacar as oficinas de Apple, Google, Microsoft e Meta en Oriente Medio
A Garda Revolucionaria iraniana cualifica ás tecnolóxicas estadounidenses de “compañías terroristas espías”
Recomenda aos traballadores que se afasten dos seus postos e anuncia que os ataques comezarán este mércores, 1 de abril
Edificio de oficinas atacado en Teherán. Europa Press / Sobhan Farajvan
A Garda Revolucionaria iraniana afirmou este martes que atacará desde mañá mércores as oficinas en Oriente Medio de compañías tecnolóxicas estadounidenses que cualificou como “compañías terroristas espías”, entre as que incluíu a Microsoft, Apple e Google, e advertiu aos seus traballadores que se afasten dos seus postos de traballo.
"As principais institucións implicadas en operacións terroristas serán obxectivos lexítimos para nós”, indicou este corpo militar de elite nun comunicado recollido pola axencia Tasnim, no que tamén adianta que atacará as oficinas das tecnolóxicas estadounidenses a partir do mércores 1 de abril á 20.00 hora local iraniana (16.30 GMT).
18 empresas tecnolóxicas son obxectivo dos ataques iranianos
“Recoméndase aos empregados destas institucións que, para preservar as súas vidas, se afasten inmediatamente dos seus lugares de traballo”, engadiu.
Hai unha listaxe de 18 empresas ameazadas, entre as que se atopan Microsoft, Apple e Google, HP, Intel, Meta, IBM e Boeing.
Doutra banda, o Exército da República Islámica de Irán asegurou que atacou este martes, con drons suicidas, centros estratéxicos e clave de comunicación, telecomunicacións e industria de Siemens, Telecom e AT&T "do réxime asasino de nenos" no aeroporto israelí de Ben Gurión e a cidade de Haifa, no norte de Israel.
Estados Unidos e Israel iniciaron unha guerra contra A República Islámica o 28 de febreiro que continúa a día de hoxe con ataques diarios contra Irán, que respondeu con bombardeos contra instalacións estadounidenses na rexión así como infraestruturas enerxéticas e o peche do estreito de Ormuz.