Irán acepta seguir as negociacións cos EUA
O ministro de Asuntos Exteriores iraniano está en San Pertesburgo para reunirse este luns co presidente ruso
Un marine dos EUA a bordo do transporte anfibio USS New Orleans no estreito de Ormuz (Centcom vía Europa Press)
O ministro de Asuntos Exteriores iraniano Abbas Araqchi afirmou este luns que a visita desta fin de semana a Islamabad foi moi boa e que se revisaron as condicións específicas baixo as cales poden continuar as negociacións entre Irán e Os Estados Unidos.
Segundo a axencia iraniana IRNA, o xefe da diplomacia persa, que se atopa xa en San Petersburgo, dixo que as condicións de Teherán para as negociacións son moi importantes.
Araqchi, que chegou a Rusia despois de pasar por Oman e Paquistán esta fin de semana, afirmou tamén que a reunión deste luns (co presidente ruso Vladimir Putin) será unha boa oportunidade para discutir a evolución da guerra e revisar a situación actual.
Rusia é, xunto á China, un dos principais aliados de Irán.
O xefe da diplomacia iraniana abandonou este sábado Islamabad tras manter unha longa xornada de reunións con altas autoridades militases e civís paquistanís sen agardar a chegada dos enviados do goberno dos Estados Unidos Steve Witkoff e Jared Kushner, que en principio anunciaran a súa viaxe á capital de Paquistán para ese día.
O presidente dos Estados Unidos Donald Trump asegurou este sábado que representantes iranianos realizaron unha nova oferta de negociación apenas dez minutos despois de que el ordenase cancelar a viaxe dos seus enviados especiais a Islamabad para establecer diálogo con Teherán.
Segundo o portal Axios, Irán presentou aos Estados Unidos unha nova proposta de negociación para reabrir o estreito de Ormuz e poñer fin á guerra e á vez pospoñer as negociacións sobre o programa nuclear de Teherán para máis adiante.
O medio dixital cita un funcionario estadounidense e outras dúas fontes anónimas con coñecemento do asunto.
De acordo co funcionario, Trump ten previsto estudar este luns co seu equipo o actual estancamento nas negociacións e os posibles pasos a seguir.
A oferta expón que o cesamento do fogo se estendería por un longo período ou que ambas as dúas partes acordarían a fin definitiva da guerra e que as negociacións nucleares comezarían posteriormente, unha vez aberto o estreito e levantado o bloqueo que implementou Washington sobre todos os buques que tratan de alcanzar portos iranianos ou saír deles, segundo Axios.
Nunha entrevista ofrecida este luns a Fox News, Trump deu a entender que quere continuar co bloqueo naval que está a asfixiar as exportacións de petróleo de Irán, coa esperanza de que isto obrigue a Teherán a ceder nas próximas semanas.