Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump: "Non estaba preocupado. Entendo a vida, vivimos nun mundo tolo"

Trump: "Non estaba preocupado. Entendo a vida, vivimos nun mundo tolo"

O presidente dos EUA relata nunha entrevista as súas impresións a noite do tiroteo: "A xente comezou a poñerse a resgardo baixo as mesas. Estaban asustados pero, quen non o estaría?"

"Eu non son un violador, non son un pedófilo", sostén tras coñecer o escrito do suposto responsable do tiroteo, que o relaciona co caso Epstein

A Casa Branca non implementou o máximo nivel de seguridade para a cea de correspondentes, segundo The Washington Post

O presidente dos EUA, a primeira dama e o correspondente principal de CBS News na Casa Branca durante a cea anual da Asociación de Correspondentes da Casa Branca, minutos antes do tiroteo (REUTERS/Jonathan Ernst)
G24.gal 27/04/2026 08:29

O presidente dos EUA Donald Trump dixo este domingo que non estaba preocupado cando se decatou do tiroteo que obrigou a evacualo canda a varios membros do seu Gabinete mentres ceaban nun evento de gala celebrado en Washington.

Nunha entrevista no programa 60 minutos da cadea CBS, o mandatario confesou: "Non estaba preocupado. Entendo a vida. Vivimos nun mundo tolo".

Trump explicou que ao principio pensou que o balbordo se debía a que caera unha bandexa. Pero, cando se escoitaron os disparos, a xente que se atopaba no salón de baile do Hotel Hilton comezou a poñerse a resgardo baixo as mesas.

"Á xente non lle gusta que se diga que estaban asustados, pero certamente, quen non o estaría cando tes unha situación así?". 

Segundo relatou, a primeira dama Melania Trump estaba xunto a el na mesa presidencial. "Parecía moi molesta polo que acababa de suceder", dixo, "eu pasei por isto antes un par de veces, e ela ata este extremo non". Con todo, apunta, levouno moi ben.

"Eu non son un violador, non son un pedófilo; fun totalmente exonerado"

O presidente molestouse coa xornalista que lle fixo a entrevista, Norah O'Donnell, cando lle leu parte do manifesto que escribiu Cole Allen, o home que, armado cunha escopeta e coitelos, aparentemente tratou de asaltar a Trump e outros membros do Gabinete.

"Xa non estou disposto a permitir que un pedófilo, violador e traidor cubra as miñas mans cos seus crimes", un fragmento que aparentemente fai referencia a Trump e á súa suposta implicación na trama do pedófilo Jeffrey Epstein.

"Estaba a esperar que leses iso, porque sabía que o farías" , replicou Trump. "Son xente horrible". E inmeditamente engadiu: "Eu non son un violador. Non violei a ninguén. Eu non son un pedófilo. Liches ese lixo dunha persoa enferma. Asociáronme con cousas que non teñen nada que ver comigo. Fun totalmente exonerado", argumentou.

Ao ser preguntado se o incidente, que se produciu durante a cea anual da Asociación de Correspondentes da Casa Branca (WHCA), vai mellorar a súa tirante relación coa prensa, o republicano subliñou que mantén moitas diferenzas cos medios.

"Non estamos de acordo en moitos temas. Son moi firme no tema do crime. Parece que a prensa non o é. A prensa e mais os demócratas, porque son case o mesmo", explicou Trump.

Malia o sucedido, o presidente insistiu en que quere volver celebrar a cea en 30 días e prometeu que o evento terá aínda máis seguridade. 

A Casa Branca non implementou o máximo nivel de seguridade para a cea de correspondentes

O Goberno estadounidense non implementou o máximo nivel de seguridade para a cea de correspondentes do sábado en que houbo que evacuar o presidente, Donald Trump, e varios membros do Gabinete debido á irrupción dun home armado no hotel onde se celebrou o evento, segundo informou este domingo o diario The Washington Post.

Segundo este diario, a administración Trump ofreceu un nivel de seguridade menor para a cea de correspondentes da Casa Branca que para outras reunións de altos funcionarios, a pesar da presenza do presidente e moitos membros do gabinete.

A detención de Cole Allen, o home que tratou de entrar armado na sala de baile onde se celebraba a cea, puxo o foco no dispositivo de seguridade e na posibilidade de que en eventos deste tipo aplique o chamado sistema do "sobrevivente designado"; un mecanismo que se activa cada ano durante o discurso sobre o Estado da Unión e que busca evitar que se decapite por completo á Administración se se produce un atentado no Capitolio. O protocolo obriga a designar un membro do Goberno que permanece durante o discurso nunha localización segura que non se dá a coñecer.

Desde que se produciu o incidente, moitos cuestionan o dispositivo de seguridade e expuxeron a necesidade de establecer máis controis para realizar un evento destas características.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade