Investigan unha posible rede para copiar no teórico de conducir
Investigan unha posible rede para copiar no teórico de conducir
Tráfico xa identificou tres casos semellantes en Ourense no que vai de ano
Os novos investigados son tres cidadáns paquistanís, residentes en Cataluña, que viaxaron a Ourense para facer o exame
Levaban dispositivos electrónicos ocultos entre a roupa
Os utensilios que empregaba para copiar o último identificado son: un móbil oculto baixo a roupa, un transmisor en formato tarxeta e un auricular de moi pequeno tamaño. Practicamente o mesmo ca os dous anteriores, identificados o dez de xaneiro e o dezasete de febreiro.
"O que queren é filmar a pantalla, cunha cámara oculta na vestimenta ou similar. Levan un auricular moi pequeno, que desde fóra non se percibe, e aí reciben as respostas supostamente correctas", di David Llorente, xefe provincial de Tráfico de Ourense.
Nos tres casos eran homes de nacionalidade paquistaní, residentes en Xirona e Tarragona e sen ningún arraigamento en Ourense, que viñan aquí exclusivamente para examinárense. O primeiro filtro son as propias autoescolas, cando detectan comportamentos irregulares.
"É bastante sospeitoso que unha persoa que se matricula nunha autoescola non acuda ás clases teóricas, non empregue as plataformas en liña para facer test... e directamente se presente a un exame teórico sen ter ningún tipo de preparación", asegura Luis Nóvoa Fernández, presidente da asociación de Autoescolas de Ourense.
A Garda Civil e a propia DXT investigan se hai unha rede organizada tras estes casos, que se repiten pola xeografía española.
"Para nós é máis novo, pero en España hai un goteo diario de casos de utilización de medios tecnolóxicos non autorizados ou suplantación de identidade, incluso", explica o xefe provincial de Tráfico.
A sanción por copiar no exame é de 500 euros e non se poden volver presentar nun prazo de 6 meses. En caso de suplantar a identidade doutra persoa, estarían cometendo, ademais, un delito.