Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan un edil de Moaña por suposta malversación de fondos de Protección Civil

Investigan un edil de Moaña por suposta malversación de fondos de Protección Civil

A investigación aberta pola Garda Civil apunta ao concelleiro nacionalista de Mocidade, Infancia e Voluntariado, Kevin González, e outras tres persoas

O Goberno local asegura que González colaborará coa investigación xudicial e "facilitará canta documentación teña e sexa requirida"

A investigación podería estar relacionada con subvencións da Xunta recibidas pola Agrupación de Protección Civil, segundo fontes xornalísticas

G24.gal 06/03/2025 12:12

A Garda Civil investiga en Moaña catro persoas, entre elas o concelleiro de Mocidade, Infancia e Voluntariado, Kevin González (BNG), por suposta malversación de fondos na agrupación de Protección Civil da localidade.

Segundo fontes da Benemérita, todo comezou por mor dunha denuncia alertando do sucedido. O concello enviou un comunicado no que asegura que a finais do mes pasado a Garda Civil solicitoulle identificar a estrutura da agrupación de Protección Civil desde 2017 ata a actualidade.

Os axentes solicitaron a comparecencia de Kevin González, que acudiu "co obxectivo de colaboración coa investigación e coñecer de primeira man os feitos denunciados", insistindo en que colaborará coa investigación xudicial e "facilitará canta documentación teña e sexa requirida", segundo indica o Goberno local.

O Concello indicou que a día de hoxe aínda non se lle comunicou oficialmente ao executivo local a suposta denuncia nin o seu contido, apuntando a que a investigación podería centrarse nunha conta bancaria da Agrupación de Protección Civil, segundo apuntan os medios de comunicación.

A Agrupación obtivo subvencións da Xunta cuxos fondos eran ingresados na devandita conta, "completamente allea ao Concello", polo que nin González "nin ningún concelleiro tivo nunca nada que ver con dita conta obxectivo da investigación nin coa súa manexo".

"O Concello é alleo tamén á tramitación desas subvencións, xa que son dirixidas ás Agrupacións e concedidas desde a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta, por tanto non tomou parte nin da solicitude, nin da resolución de concesión, nin da xustificación das mesmas", engadiu o Goberno local.

Ademais, insistiu en que os gastos de funcionamento de Protección Civil, dos que se fai cargo o Concello, contan coa "correspondente tramitación administrativa, son fiscalizados pola Intervención Municipal" e están "debidamente autorizados e xustificados", insistindo en que o Concello colabora coa investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade