Investigan a orixe de varias balas no barrio vigués de Lavadores
Polo menos catro balas do calibre 22 impactaron en propiedades de dúas familias
"Saímos coller os tomates e facemos garda porque non sabían que aquí hai xente", di unha das afectadas
Unha das balas deixou un burato na parede, dúas entraron no coche.
"No teito do coche quedou atrapada unha bala e vese o círculo", sinala unha das afectadas.
E outra máis na pérgola da horta do veciño. Sorte da estrutura metálica.
"A miña veciña escoitou o ruído e soubo que eran disparos. Pegou na pérgola pero puido acabar en catástrofe porque a miña veciña estaba na cociña, que é a zona onde está a pérgola, se non entráballe na cociña", explica a muller.
Non saben á conta de que nin tampouco de onde viñeron os tiros. Ao outro lado da horta, só hai máis horta. Hai que mirar ben ao lonxe para atopar unha posible explicación.
"Coa traxectoria da bala o único que temos ás costas é a Martínez Garrido, onde hai uns edificios. Entón, temos a dúbida de que pasou porque minutos antes estabamos aquí na horta. Parece que foi un calibre 22. De aí tamén a angustia porque se fora cunha arma normal, baleiran o cartucho e xa está pero con esta tiveron que disparar e volver cargar", lamenta asustada.
Á espera de respostas, dálles medo ata saír da casa para coller os tomates na horta.
"Xusto baixamos para que non se estraguen os tomates pero facemos garda. Un mira para un lado e outro para outro, por se ves a alguén sospeitoso. Queremos respostas. Se identifican a persoa que fixo isto, poderemos facer vida normal", engade a principal afectada.
Certo que quedou en danos materiais, pero o medo téñeno no corpo. O incidente chegou no peor momento para esta familia de Venezuela.
"Durísimo porque iso sucedeu o luns e o mércores ocorreu o do meu país. É un nervio constante. Hoxe mesmo soaron uns ruídos, non sei se eran de festexos, e sinceramente quedei na cama paralizada", confesa.
Coa mente posta no seu país, necesitan saber a orixe das balas para recuperar a tranquilidade da que gozaban ata agora neste recuncho do barrio de Lavadores.