Investigadores galegos desenvolven baterías para coches eléctricos que cargan en dez minutos
No Laboratorio de Investigación de Sistemas para a Transición Enerxética avanzan nas probas para optimizar os dispositivos con grafito
O novo produto podería estar no mercado en dous anos
"A transición enerxética vaise producir si ou si e Galicia ten unha oportunidade única de situarse á cabeza", din os promotores
"En Liste, o que imos facer é desenvolver novas técnicas para acelerar o desenvolvemento destas baterías innovadoras", di Israel Temprano, director do Laboratorio de Investigación de Sistemas para a Transición Enerxética.
A Universidade da Coruña e a empresa Resonac, que comprou a planta da antiga Alcoa, acaban de pór en marcha este laboratorio de Investigación. Traballan co obxectivo de desenvolver baterías para coches eléctricos cunha carga moi rápida. O seu director, di que avanzan nos experimentos co grafito, que é un elemento clave nas baterías de litio.
"A tecnoloxía actual das baterías de ión de litio utiliza fundamentalmente o grafito no ánodo este é material practicamente o 30 por cento de masa destas baterías". "É clave para que as baterías se poidan cargar rápido", afirma Temprano.
Confían en que o seu produto se poida comercializar nun curto espazo de tempo.
"Esperamos desenvolver o material no próximo ano, dous anos... ". "En canto a cargar baterías con grafito en dez minutos é cuestión de cinco anos", concreta o director.
Máis para o futuro investigan tamén as posibilidades das baterías de litio-aire e baterías líquidas.
"O futuro é un abano de distintos tipos de baterías para distintas aplicacións".
"A transición enerxética vai suceder si ou si, e Galicia ten unha oportunidade de ir á cabeza", di Israel Temprano.