Investigadores descobren en Barcelona as células responsables das recaídas no cancro de colón
Os ensaios xa funcionaron con ratos
Estas células son as que propagan o tumor, e, por iso, eliminalas con técnicas xenéticas evita a metástase
As células que provocan metástase neste tipo de enfermidades adoitan ser invisibles coas técnicas de diagnóstico habituais, xa que son moi pequenas e dispersas. Adoitan aparecer no fígado e no pulmón.
Para localizalas, o equipo de científicos dirixido por Eduard Batlle, investigador ICREA e xefe de grupo no CIBER Cancer (CIBERONC), xerou un modelo experimental en ratos, que recrea o proceso seguido polos pacientes que sofren recaídas e, a partir de aí, desenvolveu unha metodoloxía que permite illar unha pequena fracción de células tumorais diseminadas e ocultas no organismo.
"Son as células que poden diseminar o cancro. Despois quedar ocultas e xerar metástase", explica Eduard Batlle, doutor do Instituto de Investigación Biomédica de Barcelona.
"Se eliminamos esas células cunha tecnoloxía, unha que nos permite facelo especificamente, vemos que podemos previr a metástase", agregan os científicos do equipo.
O achado publicouse na revista 'Nature'. As células nomeáronse HRCs, polas súas siglas en inglés (High Relapse Cells o Células de Alta probabilidade de Recaída). Teñen pouca actividade no tumor primario, pero son quen de desprenderse del e migrar polo torrente sanguíneo ata acadar o fígado e o pulmón, onde permanecen ocultas durante un tempo.
O achado abre o camiño para atacalas, dado que tamén descubriron que se se activa o sistema inmunitario dos ratos, non recaen tras a operación do tumor primario, o que demostra que a inmunoterapia precoz , antes de calquera outra intervención, pode eliminar estas células antes de que comece o desenvolvemento da metástase.