Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan como intencionado o atropelo que deixou seis feridos na Coruña

Investigan como intencionado o atropelo que deixou seis feridos na Coruña

O condutor, veciño da cidade, foi detido tras levar por diante varias persoas que cruzaban por un paso de peóns

Entre os feridos hai  un neno de catro anos que foi trasladado ao hospital Materno Infantil

Ambulancias no lugar onde tivo lugar o atropelo múltiple (EFE/ Moncho Fuentes)
G24.gal 27/08/2025 17:46 Última actualización 27/08/2025 17:52

A Policía Local investiga como intencionado un atropelo múltiple que deixou seis feridos, tres deles graves, no centro da Coruña. O suceso tivo lugar este mércores ao mediodía no cruce entre a rúa Juana de Vega e a praza de Mina.

"Estabamos andando polas inmediacións e de repente escoitamos moito balbordo, sons de sirenas, ambulancias. Achegámonos ata o paso de peóns e,ao parecer, un vehículo aproximouse a toda velocidade, estaba verde para os peóns e arrolou a unha multitude de persoas", di un transeúnte.

Segundo fontes municipais, o condutor, un home de 51 anos con domicilio na Coruña, estaba estacionado nunha zona reservada para un hotel e arrincou o vehículo xusto cando varias persoas comezaban cruzar. El mesmo recoñeceu este feito aos axentes, que investigan o caso como un atropelo intencionado.

Os axentes practicáronlle as probas de drogas e alcohol, e está previsto que persoal sanitario realice unha avaliación médica e psiquiátrica. O home quedou detido.

Seis vítimas hospitalizadas, entre elas un neno de catro anos

O parte médico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) confirma seis feridos: tres deles en estado grave, dous mulleres e un home; outros dous adultos, un home e unha muller, permanecen ingresados con prognóstico leve.

Ademais, un neno de catro anos foi trasladado ao hospital Materno.

Todas as vítimas cruzaban correctamente polo paso de peóns cando foron atropeladas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, expresou na rede social X o seu desexo dunha pronta e total recuperación das persoas feridas. 

Varias testemuñas indicaron que escoitaron como o coche aceleraba xusto antes de impactar contra os peóns e que non se detivo ata que non puido seguir avanzando porque levaba unha persoa sobre o capó.  

"É unha zona na que si ves o semáforo en verde pasas con toda a tranquilidade do mundo. O que menos esperas é iso".

"Desde que ampliaron o paso de peóns está todo ben, nunca vin ningún problema e a verdade que quedei un pouco preocupada, pero creo que dicían que o condutor non estaba ben".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade