Intervidas máis dun milleiro de camisetas de fútbol falsificadas nunha operación con catro investigados en Galicia
Intervidas máis dun milleiro de camisetas de fútbol falsificadas nunha operación con catro investigados en Galicia
Están valoradas en máis de 100.000 euros, cunha distribución por diferentes municipios da comarca da Coruña
Garda Civil / Ministerio do Interior
A Garda Civil interveu máis dun milleiro de camisetas de fútbol falsificadas, valoradas en máis de 105.000 euros, nunha operación con catro investigados en Galicia como presuntos autores de delitos contra a propiedade industrial pola venda de pezas deportivas en distintos municipios da comarca da Coruña.
As dilixencias entregáronse nos xulgados da Coruña e Betanzos. Os investigados son dous residentes en Lugo cidade, un en Arteixo e outro na Laracha.
A actuación foi desenvolvida pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras (PAFIF) da Coruña e o Destacamento Fiscal e de Fronteiras do Porto da Coruña, unidades especializadas que iniciaron as investigacións ao detectar un notable incremento da venda ambulante e distribución de artigos deportivos presuntamente falsificados na zona coruñesa.
Como resultado das inspeccións realizadas en diferentes localidades da provincia da Coruña no marco da Operación MUCE, os axentes interviñeron un total de 1.053 camisetas e equipamentos deportivos que presentaban indicios de vulneración de dereitos de propiedade industrial.
Ante a falta de documentación que acreditase a súa procedencia e autenticidade, solicitáronse os correspondentes informes periciais aos representantes autorizados das firmas afectadas en España, que certificaron que os produtos intervidos non eran orixinais. Toda a mercadoría quedou ao dispor da autoridade xudicial competente.
Nas imaxes distribuídas pola Garda Civil obsérvanse camisetas de equipos que participan no Mundial, como España e Arxentina, e de diferentes clubs de fútbol, como o Deportivo da Coruña ou o Real Madrid.
A Garda Civil lembra que a comercialización de produtos falsificados constitúe unha práctica ilícita que prexudica consumidores, comerciantes e titulares de dereitos industriais, alén de xerar importantes perdas económicas e favorecer circuítos comerciais alleos aos controis legais e fiscais establecidos.