Interceptan un narcosubmarino con varias toneladas de cocaína preto dos Azores
A embarcación viña de América Latina con catro persoas a bordo
A operación, bautizada como 'Adamastor', desenvolveuse en colaboración cos Estados Unidos e o Reino Unido
Imaxe da Polícia Judiciária de Portugal
As autoridades portuguesas informaron este domingo de que interceptaron en alta mar, a preto de 230 millas náuticas do arquipélago dos Azores, unha embarcación semisumerxible proveniente de América Latina que transportaba "varias toneladas de cocaína".
A operación, bautizada como 'Adamastor', desenvolveuse nos últimos días xunto coa Mariña e a Forza Aérea lusas e en colaboración cos Estados Unidos e o Reino Unido.
Na embarcación, na que había catro cidadáns estranxeiros, estaban a ser transportados 300 fardos de cocaína.
A interceptación do semisumerxible, engadiu o corpo policial, produciuse "en condicións de extrema dificultade e perigo, derivadas da actual adversidade das condicións meteorolóxicas".
As dilixencias desenvolvéronse no marco dos traballados do Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico, con sede en Lisboa e que está integrado por Bélxica, Francia, Alemaña, Irlanda, Italia, España, Países Baixos, Portugal e o Reino Unido, para cooperar na loita antidroga por mar e aire.
A policía precisou que prosegue a investigación en Portugal en colaboración coas autoridades doutros países.