Interceptado en Ribadavia un condutor tras saltar un control e tirar 8 gramos de cocaína pola ventá
Foi denunciado por infraccións de condución temeraria e un dos acompañantes por tenza de drogas
A Garda Civil logrou alcanzar o vehículo tras unha persecución de 15 quilómetros
Garda Civil
A Garda Civil interceptou o pasado 26 de maio un condutor portugués tras fuxir nun control de tráfico e guindar oito gramos de cocaína pola xanela do seu vehículo.
Segundo informou o Instituto Armado, foi durante un control na A-52 cando os axentes detectaron un coche de matrícula portuguesa circulando a unha velocidade excesiva. Ao tratar de darlle o alto, o condutor fixo caso omiso, acelerando e fuxindo de forma temeraria.
Non foi ata 15 quilómetros despois cando por fin a Garda Civil logrou alcanzar o vehículo, non sen antes observar como un dos pasaxeiros tiraba pola ventá un envoltorio ao exterior, sendo recuperado con oito gramos de cocaína.
Os 5 ocupantes do coche tiñan antecedentes penais
Unha vez identificados os cinco ocupantes do coche, todos de nacionalidade lusa, constatouse que tiñan diversos antecedentes por delitos contra a propiedade.
Por todo iso, o condutor foi denunciado por infraccións de condución temeraria e non obediencia das ordes dos axentes e un dos acompañantes por tenza de drogas.