Institucións Penitenciarias pon fin á dispersión dos presos da ETA
Institucións Penitenciarias pon fin á dispersión dos presos da ETA
As asociacións de vítimas do terrorismo están divididas entre as que se opoñen e as que cren que xa non tiña sentido

Institucións Penitenciarias acordou este venres o traslado a cárceres de Euskadi de cinco etarras, os últimos recluídos da banda terrorista que permanecían lonxe do País Vasco e Navarra.
Os colectivos de vítimas están divididos
A Asociación de Vítimas do Terrorismo critica a medida. Cren que produce "unha dor infinita e innecesaria ás vítimas dos atentados da ETA".
Pola contra, o Colectivo de Vítimas do Terrorismo do País Vasco cre que a dispersión xa non ten sentido. Consideran que foi unha medida "intelixente" que desmonta o "vitimismo" da esquerda abertzale.
Os partidos nacionalistas, tanto de dereitas coma de esquerdas, celebran a medida
O PNV, nun comunicado, acolleu con "satisfacción e optimismo" a fin da dispersión e considerou que debe servir para que a esquerda abertzale dea "pasos decididos" no recoñecemento "unívoco" do "dano inxusto" causado pola organización terrorista.
O coordinador de EH Bildu, Arnaldo Otegi, expresou a súa satisfacción polo fin da dispersión, unha medida que, ao seu xuízo, mostra "respecto" pola maioría social de Euskadi e que forma parte da "construción da convivencia democrática".
A voceira parlamentaria de Elkarrekin Podemos-EU, Miren Gorrotxategi, cualificou a fin da dispersión como "unha boa noticia para os dereitos humanos. Cumprir condena preto do lugar de residencia é imprescindible para a reinserción. E esas condenas nunca deberon cumprilas as familias" dos presos, en referencia aos seus desprazamentos a prisións afastadas de Euskadi.
En contra do achegamento, o presidente do PP do País Vasco. Carlos Iturgaiz considera que a fin da dispersión é "a primeira parte da factura a Otegi" polo apoio parlamentario de EH Bildu ao Goberno de Pedro Sánchez e un "escarnio ás vítimas" da banda terrorista.