Publicador de contidos

Publicador de contidos

A guerrilla kurda do PKK disólvese e pon fin a 40 anos de loita armada: Erdogan fala "dunha nova era"

A guerrilla kurda do PKK disólvese e pon fin a 40 anos de loita armada: Erdogan fala "dunha nova era"

Responde ao chamamento que fixo a finais de febreiro desde o cárcere o líder da organización, Abdullah Öcalan, que leva 26 anos en prisión

Nestes corenta anos de loita, o conflito deixa 45.000 mortos e milleiros de desprazados

Manifestación pola posta en liberdade do líder do PKK, coincidindo co 26 aniversario do seu ingreso en prisión (Arquivo / Marco Di Gianvito / ZUMA Press Wir / DPA) Manifestación pola posta en liberdade do líder do PKK, coincidindo co 26 aniversario do seu ingreso en prisión (Arquivo / Marco Di Gianvito / ZUMA Press Wir / DPA)
G24.gal 12/05/2025 08:38

A guerrilla kurda do PKK anunciou este luns a súa disolución e a fin da súa loita armada, que iniciou contra o Estado turco hai 40 anos e deixou uns 45.000 mortos e milleiros de desprazados. Responde así ao chamamento que fixo a finais de febreiro desde o cárcere o fundador e líder da organización Abdullah Öcalan.

"O 12.º Congreso do PKK decidiu disolver a estrutura organizativa do PKK e poñer fin ao método da loita armada, cuxo proceso de aplicación será dirixido e levado a cabo polo líder APO (Öcalan), poñendo fin así ás actividades realizadas baixo o nome do PKK", sinalou a guerrilla nun comunicado difundido polos medios turcos.

Öcalan, que leva 26 anos cumprindo cadea perpetua, pediu o pasado 27 de febreiro ao Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), considerado terrorista por Turquía, os Estados Unidos e a Unión Europea, que abandone as armas. 

Erdogan: "Abre a porta a unha nova era"

A decisión do PKK "abre a porta a unha nova era", dixo este luns o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan.

No seu discurso á nación tras a reunión do gabinete de ministros, Erdogan sinalou que o desarmamento da guerrilla contribúe á seguridade de Turquía, a fraternidade da nación e as súas capacidades democráticas.

"Interpretamos que esta decisión abarca todas as ramificacións da organización, xa sexa no norte de Siria, xa sexa en Europa", dixo o presidente en referencia ás milicias kurdosirias e ás redes do PKK na comunidade kurda asentada en numerosos países europeos.

Agregou que os servizos secretos turcos observarán o proceso "con gran coidado, para garantir que se cumpran as promesas dadas", sen especificar máis.

O Goberno permitiu no outono pasado que unha comisión do partido turco prokurdo DEM se reunise no cárcere co fundador e aínda líder do PKK, Abdullah Öcalan, e transmitise ao público o seu chamamento para o desarmamento da guerrilla.

Pero non hai unha negociación coa guerrilla, polo menos non pública, e altos cargos turcos negaron que vaia a haber ningún tipo de concesións políticas.

A disolución do PKK tras 40 anos de loita armada

O Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) é a guerrilla a través da que se canalizaron as aspiracións dos kurdos de Turquía, nun conflito que deixou uns 45.000 mortos.

Fundado en 1978 e de inspiración marxista leninista, o PKK comezou a súa loita armada en 1984 para conseguir a independencia do Kurdistán. Ankara considerouno sempre unha organización terrorista. 

A detención de Öcalan

Nos anos noventa do século pasado, as reivindicacións independentistas do PKK foron modificadas polas dunha forte autonomía, unha amnistía para os miles de presos e a posibilidade de participar na vida política.

En 1999 produciuse a detención en Kenya de Ocalan, que tras varios anos de exilio en Siria foi obrigado a deixar ese país polas presións turcas.

Aínda que inicialmente foi condenado á morte, a pena foille conmutada pola de cadea perpetua.

A captura de Ocalan marcou unha nova época no PKK, que decretou un cesamento do fogo unilateral, pero Turquía negouse a recoñecer a tregua e a negociar.

O grupo armado renovou os seus ataques en 2004 e, tras unha nova tregua unilateral en 2006, intensificou as súas accións violentas.

Negociacións de paz

En xaneiro de 2013 o Goberno turco autorizou contactos con Ocalan e en abril dese ano o PKK anunciou a retirada dos seus combatentes do territorio de Turquía. Con todo, en setembro suspendeu o repregamento en resposta á parálise no proceso de paz.

Durante 2014 e a primeira metade de 2015 non houbo avances e en xuño dese ano producíronse enfrontamentos entre o Goberno e os militantes do PKK que conduciron ao fin do proceso de paz, anunciado en xullo de 2015 polo presidente turco, Recep Tayyip Erdogan.

A etapa final

No outono de 2024 a ultradereita turca suxeriu reiniciar o proceso de paz, e tras varias visitas dunha delegación do partido da esquerda prokurda, Öcalan pediu desde o cárcere o pasado 27 de febreiro o fin da loita armada.

O 1 de marzo o PKK anunciou un cesamento do fogo unilateral, reclamando inicialmente que o propio Öcalan dirixise en liberdade un eventual proceso de paz co Estado turco, petición á que Ankara non respondeu.

Entre o 5 e o 7 de maio pasados, a guerrilla celebrou un congreso para debater a petición de Öcalan, e nel aprobou a decisión anunciada hoxe de disolverse e abandonar a loita armada.

Os kurdos, entre 35 e 40 millóns de persoas segundo as estimacións, son o maior pobo sen Estado do mundo e a terceira minoría étnica máis importante en número de Asia Occidental, tras os árabes e turcos.

A súa poboación repártese entre Turquía (20 millóns), Irán (6,5 millóns), Iraq (6,5 millóns), Siria (1 millón) e Armenia (300.000), e moitos tiveron que emprender o camiño da diáspora en Europa e nos Estados Unidos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade