Inditex modera crecemento: gaña 1.305 millóns de euros no seu primeiro trimestre fiscal (+0,8 %)
As vendas no período creceron un 1,5 %, ata os 8.274 millóns
As accións de Inditex asinaron o peor resultado do Ibex 35 ao anotarse un descenso dun 4,37% logo de coñecerse os datos
José Arnau deixará a vicepresidencia de Inditex e será substituído por Roberto Cibeira

A multinacional Inditex, propietaria de marcas como Zara ou Massimo Dutti, obtivo un beneficio neto récord para o seu primeiro trimestre fiscal (febreiro a abril) de 1.305 millóns de euros, un 0,8 % máis en comparación co mesmo período de 2024.
O xigante téxtil modera o seu crecemento no seu primeiro trimestre fiscal, xa que se trata do avance máis baixo desde 2018, sen contar as caídas rexistradas derivadas pola pandemia en 2020 e 2021.
Logo de coñecerse estes datos, as accións de Inditex caeron un 6,3% na apertura da Bolsa.
As vendas no período creceron un 1,5 %, ata os 8.274 millóns, e o resultado bruto creceu un 1 %, ata os 2.393 millóns.
A posición financeira neta foi de 10.778 millóns de euros ao final do primeiro trimestre de 2025, fronte aos 11.623 millóns de euros dun ano antes.
Inditex cae un 4,37% e asina a súa peor sesión
As accións de Inditex asinaron o peor resultado do Ibex 35 ao anotarse un descenso dun 4,37% tras comunicar ao mercado que rexistrou un beneficio neto de 1.305 millóns de euros durante o primeiro trimestre.
O prezo unitario das accións pechou nos 47,06 euros tras o retroceso, unha caída que Inditex non vía desde principios de abril co Liberation Day, cando Donald Trump desatou a guerra comercial coa imposición global de aranceis.
Nun plano máis amplo, Inditex acumula no que vai de 2025 un descenso dun 5,2%, en tanto que a capitalización bolsista ha pechado esta xornada nos 146.670 millóns de euros.
Aperturas en 26 mercados
Entre febreiro e abril, Inditex efectuou aperturas en 26 mercados, con 5.562 tendas operativas a final do primeiro cuarto de exercicio.
A dirección da compañía segue observando oportunidades de crecemento en 2025. Só entre maio e o 9 de xuño, as vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante creceron un 6 % respecto ao mesmo período do curso pasado.
Inditex aplicará cambios na cúpula directiva, pois José Arnau, vicepresidente da compañía e estreito colaborador do fundador Amancio Ortega, abandonará o Consello de Administración ao concluír o prazo de duración do seu mandato, o día 15 de xullo de 2025.