Iago Aspas, primeira vez sen minutos por decisión técnica desde 2021
No que vai de campionato, Aspas participou en 21 partidos e foi titular en 19 deles, acumulando en total 1.583 minutos

O dianteiro Iago Aspas non gozou de minutos no partido de onte á noite contra o Osasuna por decisión técnica de Rafa Benítez, algo que non sucedía no Celta desde maio de 2021.
Non era a primeira vez que o adestrador celeste deixaba a Aspas no banco esta tempada, aínda que nos partidos contra Deportivo Alavés e Raio Vallecano si tivo minutos na segunda parte.
No que vai de campionato, Aspas participou en 21 partidos e foi titular en 19 deles, acumulando en total 1.583 minutos (foi substituído en dez ocasiones e perdeuse o partido contra o Vilarreal por sanción).
Ata a data, o último partido no que estivo convocado e non gozou de minutos foi o 9 de maio do 2021 contra o Vilarreal no Estadio da Cerámica, onde o cadro dirixido entón por Eduardo Coudet levou os tres puntos grazas aos goles Santi Mina (2), Brais Méndez e Augusto Solari.
En febreiro do 2019, Aspas tamén foi convocado e quedou sen minutos no partido contra o Levante, pero entón arrastraba unha lesión no xemelgo da que recaeu durante o quecemento. A tempada que máis veces foi convocado e quedou sen xogar -tres partidos- foi a 2016-17.
Naquel momento, co seu equipo en semifinais da Europa League e cuartos de final da Copa do Rei, Berizzo decidiu darlle descanso fronte a Granada, Málaga e Athletic Club.