Iago Aspas chega aos 533 partidos como celeste e iguala o mítico Manolo
O de Moaña segue a esnaquizar todos os rexistros na historia do Celta
Xa tiña o de máximo goleador e contra o Atlético marcou o gol número 216 vestindo a camisola do cadro vigués
A lenda de Iago Aspas continúa facéndose máis grande. Poucos rexistros lle quedaban por esnaquizar e contra o Atlético alcanzou outro fito. Igualou o mítico Manolo Rodríguez Alfonso como o xogador con máis partidos oficiais na historia do Celta. Chegou á máxica cifra dos 533, que superará nas vindeiras xornadas.
Manolo xogou no primeiro equipo do Celta entre o 1966 e o 1982. Foi titular en 523 partidos e liderou a defensa do cadro celeste en Primeira, Segunda e mesmo Segunda División B. Festexou cinco ascensos e foi titular indiscutible en todas as campañas ata a súa retirada.
Iago Aspas debutou co primeiro equipo en Salamanca no ano 2008. Tardou en consolidarse no equipo, pero con 22 anos chegoulle a oportunidade e xa non a soltou. Tivo un paso breve polo Liverpool e o Sevilla e regresou á casa para liderar o club en 2015. Foi un dos heroes do ascenso de 2011 con 25 goles e das sucesivas permanencias en Primeira División encadeando unha xeira histórica de 14 campañas consecutivas na máxima categoría. A iso hai que engadir os 216 goles que marcou coa celeste, uns números ao alcance só dos elixidos.