Hungría e Polonia enfróntanse ao resto da UE pola xestión migratoria
O pacto de migración e asilo queda pendente para a presidencia española
O cumio acorda reducir a dependencia respecto á China e seguir apoiando a Ucraína
O último Consello Europeo antes de que España asuma a presidencia este sábado concluíu cun acordo para reducir a dependencia industriral e económica respecto á China. Para que non se repita por exemplo a parálise produtiva derivada da crise dos microchips.
Acordo unánime tamén en manter o apoio a Ucraína, país que Sánchez visitará na súa primeira xornada como presidente do Consello Europeo.
"A guerra de Ucraína será unha das grandes prioridades da nosa presidencia, co foco posto en garantir a unidade de todos os estados membros", dixo Pedro Sánchez.
Outra das prioridades da presidencia española será pechar o pacto de migracións, que saltou polo ar neste cumio pola negativa de Hungría e Polonia a aceptar o mecanismo de repartición dos demandantes de asilo entre todos os países.
"Non me deixa de sorprender a cegueira de algúns de non recoñecer a necesidade de incorporar a dimensión exterior ao pacto de inmigración e asilo. A presidencia española vai ter que seguir avanzando neste ámbito". asegurou o presidente do Goberno.
Sánchez di que asumen con ambicion e humildade os retos da presidencia español do Consello.
"Con enorme ambición para facerlle fronte os desafíos que ten a Unión Europea por diante e coa gratitude de quen asume a súa responsabilidade sendo consciente da oportunidade que representa. Tamén coa humildade de quen recoñece que o proxecto europeo é un proxecto de cooperación e traballo conxunto", asegurou Sánchez.
Ademais dos retos pendentes a presidencia española ponse como obxectivo mellorar as relacións comerciais entre a Unión Europea e América Latina.