Hugo Mallo afronta en Barcelona o xuízo oral por un presunto delito de abuso sexual
Mallo negou de forma categórica os feitos nun comunicado feito público polo seu axente Quique de Lucas
Foto Andrea Villoria
Hugo Mallo, o que foi capitán do Celta ata o verán do 2023, afronta desde as once da mañá de hoxe no Xulgado Penal Número 19 de Barcelona o xuízo oral por un presunto abuso sexual do que foi denunciado, acontecido o 24 de abril de 2019, no estadio de Cornellà-El Prat, poucos minutos antes do inicio do Español-Celta.
Investigan a Mallo por un presunto tocamento á muller que facía o papel da mascota periquita do conxunto catalán. Enfróntase a unha multa de 24 meses. Esta mesma semana, o marinense despediuse do que foi o seu club no último ano, o Internacional de Porto Alegre brasileiro; días antes, o seu técnico Eduardo Coudet, que tamén o foi en Vigo, avanzaba que tiña que viaxar a España por un tema persoal, en referencia ao xuízo, e que xa non volvería á disciplina do equipo.
No seu momento, unha vez que transcendeu a principios deste ano a existencia da denuncia á que ten que facer fronte e a data do xuízo, Mallo negou de forma categórica os feitos nun comunicado feito público polo seu axente Quique de Lucas.