Hoxe coñecemos máis a fondo os batáns do Mosquetín de Vimianzo
O batán úsase para reforzar os tecidos como as mantas coa forza de martelos movidos pola forza da auga
Os de Mosquetín son excepcionais porque son practicamente os únicos en seguir funcionando
Son os únicos orixinais que quedan en Galicia que se poden ver en marcha, xunto co batán de Mezonzo en Vilasantar. Para ver outros teríamos que ir a Taramundi (Asturias), por exemplo.
O batán era unha especie de martelos de madeira que se usaba para bater as mantas de la tan necesarias para combater o frío en tempos. Cando os teares eran manuais, as teas de la, despois de seren tecidas, presentaban unha trama moi frouxa, pouco firme e esfiañábanse facilmente. Por ese motivo era preciso sometelas a un proceso de abatanado que conseguía non só apertar e amalgamar as fibras, senón tamén eliminarlles o pelo e a graxa sobrantes. Era un proceso que duraba o seu tempo.