Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hamas advirte a Israel de que expandir a súa ofensiva significa "sacrificar" os reféns

Hamas advirte a Israel de que expandir a súa ofensiva significa "sacrificar" os reféns

O grupo islamita di que a Netanyahu e ao seu goberno "non lles importa o destino dos seus reféns"

Alemaña suspende as exportacións a Israel de armas que puidesen empregarse en Gaza

O Goberno de Israel aproba o plan de Netanyahu para ocupar a Cidade de Gaza

Campamento con desprazados palestinos na Cidade de Gaza (Reuters/Dawoud Abu Alkas) Campamento con desprazados palestinos na Cidade de Gaza (Reuters/Dawoud Abu Alkas)
G24.gal 08/08/2025 13:02 Última actualización 08/08/2025 15:17

O grupo islamita Hamas advertiu a Israel que expandir a súa ofensiva en Gaza significa "sacrificar" os reféns que seguen alí retidos e tachou o seu plan para ocupar a Cidade de Gaza e evacuar os seus residentes como "un novo crime de guerra".

Nun comunicado difundido nas súas redes tras a decisión esta madrugada do gabinete de seguridade israelí de ampliar a súa ofensiva militar na Franxa tomando esa cidade do norte, dun millón de habitantes, Hamas afirma que ao primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, e ao seu goberno "non lles importa o destino dos seus reféns".

Segundo Hamas, o feito de que o gabinete de Netanyahu usase o termo "facerse co control" e non o de "ocupar" ao falar do seu plan para cidade de Gaza é "un intento basto de evadir a súa responsabilidade legal polas consecuencias do seu crime brutal contra civís", ao tempo dun "recoñecemento implícito" de que as súas intencións violan a legalidade internacional.

"A decisión de ocupar Gaza confirma que o criminal Netanyahu e o seu Goberno nazi non se preocupan polo destino dos seus prisioneiros, e saben que ampliar a agresión significa sacrificalos, o que revela unha mentalidade de desprezo pola vida dos prisioneiros para lograr ilusións políticas erradas", engade.

Para o grupo islamita palestino, que ata hai pouco mantiña conversacións con Israel para un cesamento do fogo, este plan é a razón pola que Israel se retirou da mesa de negociacións cando estaban "a piques de alcanzar un acordo".

Hamas defende que mantivo "toda a flexibilidade e positividade necesarias para o éxito" destas negociacións e que chegou a aceptar un acordo que supuxese a liberación de todos os reféns en Gaza (20 vivos e 50 mortos), a cambio do cesamento da guerra e a retirada de Israel de Gaza (condición esta última que Israel nunca aceptou).

O grupo esixe finalmente á ONU, á Corte Internacional de Xustiza e á Corte Penal Internacional que "asuman as súas responsabilidades legais e éticas, actúen urxentemente para deter este plan" e levar aos seus responsables ante a xustiza.

Abbas: Israel debe retirarse de Gaza e o Estado de Palestina encargarse da súa seguridade

O presidente da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas, afirmou este venres que o Exército israelí debe retirarse da Franxa de Gaza e que a seguridade do enclave tena que asumir "o Estado de Palestina co apoio árabe e internacional".

Nunha conversación telefónica co rei Abdalá de Xordania, Abbas advertiu sobre a gravidade da decisión tomada esta madrugada polo gabinete de seguridade israelí de expandir a súa ofensiva e facerse co control de Cidade de Gaza.

Na chamada, explica a súa oficina nun comunicado, destacou "a importancia de permitir ao Estado de Palestina asumir as súas plenas responsabilidades na Franxa de Gaza", despois de que o Goberno israelí informase de que non conta coa Autoridade Palestina -que goberna en Cisxordania ocupada- para gobernar Gaza, senón con "unha administración civil alternativa que non sexa nin Hamas nin a Autoridade Palestina".

Abbas indicou que é necesario que se acorde un "cesamento do fogo inmediato e permanente", que Hamas libere aos reféns no enclave palestino, que entre alí axuda humanitaria e que a seguridade da Franxa estea baixo o Estado de Palestina.

Tamén pediu a retirada de Israel de Gaza, "asegurando a unidade do sistema, a lei e as armas lexítimas baixo o paraugas do Estado".

Noutro comunicado publicado este venres pola Presidencia da Autoridade Palestina, ostentada por Abbas, exprésase o seu "enérxico rexeitamento e condena ás perigosas decisións adoptadas polo Goberno israelí, que supoñen "a continuación da política de xenocidio, asasinatos sistemáticos, fame negra e asedio" na Franxa palestina.

Alemaña suspende as exportacións a Israel de armas que puidesen empregarse en Gaza

O chanceler alemán, Friedrich Merz, anunciou este venres que o seu Goberno suspenderá ata novo aviso as exportacións a Israel de armamento que puidese empregarse na Franxa de Gaza, despois do anuncio israelí desta madrugada.

Merz afirmou nun comunicado que este plan non permiten comprender como Israel pretende alcanzar os obxectivos de desarmar a Hamas, lograr a liberación dos reféns e emprender rapidamente negociacións para un cesamento do fogo.

"Nestas circunstancias o Goberno Federal non aprobará ata novo aviso ningunha exportación de material militar que puidese utilizarse na Franxa de Gaza", destacou Merz, no que é unha decisión sen precedentes para un Goberno alemán

Von der Leyen pide que Israel “reconsidere” o plan de ocupación de Gaza

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, pediu este venres ao Goberno israelí que “reconsidere” o plan militar para ocupar a cidade de Gaza e insistiu na liberación de todos os reféns e o “acceso inmediato e sen obstáculos" de axuda humanitaria.

“A decisión do Goberno israelí de ampliar aínda máis a súa operación militar en Gaza debe reconsiderarse. Ao mesmo tempo, debe liberarse a todos os reféns, que se atopan retidos en condicións inhumanas”, dixo a mandataria europea a través de redes sociais.

Von der Leyen engadiu que tamén “debe permitirse o acceso inmediato e sen obstáculos da axuda humanitaria a Gaza para entregar o que se necesita con urxencia sobre o terreo". "É necesario un cesamento do fogo agora mesmo”, agregou.

Criticas da comunidade internacional

O alto comisionado da ONU para os dereitos humanos, Volker Türk, advertiu de que os plans de "ocupación militar total" da Franxa de Gaza por parte do Exército de Israel deben "deterse de inmediato", xa que asegurou que violarían o dereito internacional e poderían causar máis mortes e desprazamento forzado.

"Van en contra do ditame da Corte Internacional de Xustiza no que se establece que Israel debe poñer fin á súa ocupación canto antes, así como contra a solución acordada de dous Estados e contra o dereito do pobo palestino á autodeterminación", subliñou o alto comisionado austríaco nun comunicado este venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade