Día de reencontros con cribado voluntario á chegada
Galicia activa 24 puntos para facer test covid sen cita previa
Hoxe é día de moito ir e vir nos aeroportos e nas estacións e, antes de reencontrarse cos seres queridos, os viaxeiros poderán facer probas de antíxenos de maneira gratuíta e sen cita previa. Hai oito puntos habilitados para viaxeiros, co obxectivo de detectar asintomáticos.
Día de emoción e de reencontros, algúns, despois de moito tempo de espera. Este ano a situación é mellor que o pasado, pero os que veñen, veñen con precaución. E os que non traían o test feito, puideron parar para facelo ao desembarcar do avión. O Sergas instalou puntos de cribado voluntario e gratuíto nos tres aeroportos galegos.
Esta mañá habilitouse un novo punto de cribado sen cita previa en Vilagarcía de Arousa, que se suma aos 23 que xa foran activados o día anterior. Con este, xa son 24 os puntos de detección da covid distribuídos polos 14 distritos sanitarios.
Con esta iniciativa, Galicia aposta por reforzar a busca de persoas asintomáticas para frear a sexta vaga do virus.
É conveniente consultar os horarios do lugar de cribado sen cita ao que nos queremos dirixir, e ter en conta que na maioría dos 24 puntos non estará dispoñible nin o día de Nadal nin o domingo.