Publicador de contidos
Publicador de contidos

Greenfiber lanza unha web da fábrica de Altri en que nega ser unha celulosa para papel

Greenfiber lanza unha web da fábrica de Altri en que nega ser unha celulosa para papel

Asegura que se nutrirá de eucalipto "excedentario" e que "non será necesario incrementar" a superficie desta especie

G24.gal 03/04/2024 18:43

Greenfiber, do grupo portugués Altri, lanzou unha web informativa sobre a fábrica de fibras téxtiles que proxecta en Palas de Rei en que nega que vaia producir celulosa para fabricar papel.

"Nesta planta extraerase a celulosa da madeira para producir exclusivamente fibras téxtiles e fibras solubles, que é a materia prima para aplicacións téxtiles", sostén nun apartado de preguntas e respostas na web.

Esta páxina é unha das medidas que anunciou Greenfiber para informar os veciños despois de decidir suspender as charlas previstas en varios municipios ao rexistrarse protestas contra a planta.

Igualmente, a compañía sostén que a fábrica "non supoñerá ningún impacto na fauna nin a flora local", ademais de que se nutrirá de eucalipto "excedentario", polo que "non será necesario incrementar" a superficie desta especie.

Así mesmo, expón que a fábrica está deseñada para chegar a producir anualmente un máximo de 400.000 toneladas de fibras solubles "que é a materia prima para aplicacións téxtiles, das cales 200.000 toneladas serán destinadas directamente a produción de lyocell e/o outras fibras téxtiles".

"O obxectivo é que no futuro se poida integrar a totalidade das fibras solubles en produción de lyocell. Parte desta ampliación pode ser feita a partir de procesos de reciclaxe de tecidos téxtiles a incorporar no proceso produtivo xa existente", agrega.

De tal forma, aclara que unha parte da produción que non se destine a lyocell venderase fóra de Galicia "á industria de produción de fibras téxtiles sostibles de características similares" a esta.

No tocante a expropiacións, a compañía prevé negociar cos propietarios afectados sen necesidade de recorrer a expropiar.

Todo iso nun proxecto cun investimento superior a 850 millóns, onde espera un apoio do Goberno central de arredor do 25% e co que existen "conversacións directas neste sentido".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade