Goberno e comunidades autónomas acordan por unanimidade a retirada da máscara en exteriores
A medida será aprobada este martes no Consello de Ministros e o xoves entrará en vigor
O Consello Interterritorial de Saúde tamén acordou ampliar as ocupacións en eventos deportivos
O Goberno e as comunidades autónomas acaban de acordar por unanimidade a retirada da máscara en exteriores a partir do vindeiro xoves, agás nos actos masivos en que se estea de pé ou cando non exista distancia de seguridade de metro e medio se se está sentado, Sempre será recomendable, emporiso, poñela cando haxa aglomeracións urbanas.
Foi o que acordou esta mañá o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde nunha xuntanza celebrada por videoconferencia. Na reunión, que comezou ás oito da mañá, tamén se acordou incrementar a capacidade en competicións deportivas, entre elas a Liga de Fútbol e o baloncesto ACB, que pasan do 75 ao 85 % se se celebran en recintos abertos e do 50 ao 75 % se se xogan en instalacións cubertas.
Estas cifras poderán ser revisadas outra vez antes de finais de febreiro e volver ao 100 por cento das ocupacións. Algunhas comunidades autónomas, como Madrid e Andalucía, abstivéronse neste punto porque aspiraban a que se eliminasen xa as limitacións de capacidade.
A retirada da máscara en exteriores vaina aprobar mañá o Consello de Ministros e entrará en vigor o xoves.
O Goberno modifica o decreto da máscara só unha semana despois de que fora validado con críticas no Congreso.
No executivo din que a medida responde á evolución da pandemia, coa sexta vaga remitindo. O Consello Interterritorial de Saúde tamén acordou ampliar as ocupacións en eventos deportivos. En exteriores aumenta un 85 % e en interiores queda no 75 %.