Giráldez, sobre a visita ao Atlético: "É un reto maiúsculo"
O técnico celeste afirmou que o seu equipo será “fiel” ao seu estilo de xogo
Non aclarou se Aspas pode ser titular no Metropolitano
Claudio Giráldez, adestrador do R. C. Celta, considera a visita ao Atlético de Madrid un “reto maiúsculo” para o seu equipo, ao que ve capacitado para asaltar o Metropolitano, algo que non conseguiu ningún rival no presente curso ligueiro.
“Imos a un campo complicado contra un rival que está a facer unha tempada espectacular, nun momento moi bo de forma. O Atlético está vivo nas tres competicións e competindo cun sinal de identidade moi clara cada partido, cun gran persoal e un grande adestrador. Sabemos que o reto é maiúsculo e estamos preparados para ir alí a competilo”, comentou.
Na súa comparecencia ante os xornalistas, o técnico celeste afirmou que o seu equipo será “fiel” ao seu estilo de xogo porque, entende, que é o mellor camiño para derrotar ao conxunto branco e vermello.
“O partido de ida dános a sensación de que podemos competirlles e podemos gañarlles porque o tivemos preto. Temos que mellorar certos detalles porque como te equivoques unha vez, equipos deste calado fancho pagar”, avisou.
Desde a súa chegada ao banco do primeiro equipo, Giráldez perdeu os dous partidos que disputou contra o Atlético pola mínima.
“Estivemos moito mellor este ano que a tempada pasada alí. Nese partido tocounos defender moito máis tempo que atacar. Na primeira parte tivemos momentos nos que estivemos demasiado tempo nun bloque baixo e acabamos pagándoo na arrancada final do Atlético. Aquí dominámolo, tivemos máis ocasións, estivemos máis preto do gol nós que eles, e nunha acción final quedamos co mesmo bagaxe de puntos”, lembrou.
O adestrador do Celta eloxiou a “fortaleza mental” e “competitividade” do cadro dirixido por Diego Pablo Simeone, así como a calidade individual dos seus atacantes.
Sobre o estado de Aspas, non foi moi claro.
"Coa inactividade e os problemas estomacais, chegou máis xusto do que pensabamos na previa".