Giráldez: "Neste momento non estabamos para tres competicións"
Claudio Giráldez, adestrador do Celta, viu falta de enerxía nos seus
Claudio Giráldez, adestrador do Celta, non puxo peros á xustiza da eliminación do seu equipo onte á noite en Albacete. Na súa análise do duelo, non puido evitar amentar a acumulación de esforzos, máis nun momento no que a algunhas lesións súmaselles a gripe que está a afectar ao equipo.
O porriñés non viu ao seu equipo co punto de frescura necesario como para mandar máis no partido, restando toda transcendencia neste sentido a que o rival sexa de Segunda División.
“Faltounos enerxía na primeira parte e iso témolo que mellorar. O nivel de Primeira e Segunda é o mesmo, e cando un equipo non vai ao douscentos por cen, non gana”, apuntou o responsable do banco.
Quixo lembrar que “hoxe tivemos xogadores tocados, a lesión de Borja e outras cousas. Temos que aprender”.
Lamentouse que neste momento puntual “non estamos para xogar tres competicións”. Porque “tiñamos moitos futbolistas con gripe. Non quero que soe a escusa. Hai xogadores chorando no vestiario, o equipo tentouno e isto é unha ensinanza”.