Gestal di que a corentena de 42 días garante que "ninguén presente síntomas máis tarde"
O epidemiólogo afirma que "o risco cero non existe", pero desbota a posibilidade dunha pandemia
"Isto non ten nada que ver coa covid", recalca o epidemiólogo Juan Gestal, profesor emérito da USC en relación co gromo do hantavirus aparecido a bordo do MV Hondius.
Nunha entrevista no Bos días, este experto explicou o protocolo que seguirán os 14 españois-entre eles un galego- trasladados ao Hospital Gómez Ulla de Madrid e que estarán sete días en corentena por mandato xudicial.
"Estarán alí por se presentan síntomas e faranlles semanalmente unha PCR. Se algún dese positivo, pasaría a outro lugar para ser tratado en caso de presentar síntomas".
Gestal non desbota que nos próximos días vaian aparecendo positivos, como aconteceu en Francia ou nos Estados Unidos. De ser así, ter a todos no mesmo lugar, porque "é máis seguro e pódense controlar mellor".
O epidemiólogo ve adecuado ter os pasaxeiros do buque 42 días en corentena tal e como aconsella a OMS e estableceu finalmente o Ministerio de Sanidade. Segundo explica, "tentarán que se cumpra o maior tempo posible de vixilancia para garantir que ninguén presente síntomas máis tarde".
"O risco cero non existe"
Gestal recorda que "o risco cero non existe; os únicos que teñen risco cero de enfermar son os mortos", e insiste nas medidas de seguridade que deben manterse cos contactos: máscara FFP2, distancia de seguridade e limpeza en húmido e con lixivia".
O profesor emérito da USC lembra que o hantavirus é un virus moi coñecido, que apareceu nos Estados Unidos no 1993 e que causou unha letalidade moi importante.
Trátase dunha doenza endémica na zona do cono sur situada entre A Arxentina e Chile, pero a nós, desta vez, "non nos toca".