Publicador de contidos
Publicador de contidos

García-Page di que Sánchez aínda non o felicitou pola súa maioría absoluta

García-Page di que Sánchez aínda non o felicitou pola súa maioría absoluta

O presidente de Castela-A Mancha si recibiu unha mensaxe de Alberto Núñez Feijóo

G24.gal 30/05/2023 14:42

Só o círculo de confianza de Pedro Sánchez sabía que ía adiantar as eleccións xerais. O presidente do Goberno decidiuno tras confirmarse a derrota nas municipais e autonómicas, nin tempo tivo esa noite de felicitar o único dos seus baróns que logrou maioría absoluta, o de Castela-A Mancha. Díxoo Emiliano García-Page nunha entrevista en Onda Cero en que si confirmou que recibira unha mensaxe do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

García-Page, quen sempre marcou distancias con Sánchez, si aplaude o adianto. Cre que era a única alternativa para evitar o desgaste, "seis meses de barbacoa". O líder dos socialistas manchegos asegurou, ademais, que desexa a vitoria do PSOE, "pero eu distingo moi ben entre o meu partido e os que o representamos".

O certo é que Sánchez logra así esquivar as críticas internas. O líder en Estremadura, Fernández Vara, xa pedira o reingreso na súa praza de médico tras perder as eleccións. Agora ten que adiar a súa saída da política ata despois das xerais.

A noticia tamén colleu por sorpresa os socios comunitarios. Foi o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación quen, este martes, trasladou unha mensaxe de tranquilidade: España cumprirá coas súas obrigas cando asuma a presidencia do Consello o un de xullo.

"Hai tempo que se rompeu o tabú segundo o cal non se podían celebrar eleccións durante unha presidencia", apuntou Luis Planas en Bruxelas.

Tras a sorpresa inicial, agora tócalle ao PSOE preparar a campaña, con deberes incluídos para Podemos e Sumar.

"Se queremos evitar que a España chegue tamén esa onda ultraconservadora, é importante que eses partidos á esquerda fagan tamén un exercicio de responsabilidade e unidade que sería moi importante de cara ás estas eleccións de xullo", asegurou a voceira do partido, Pilar Alegría, nunha entrevista en TVE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade