Galicia súmase á alianza de vales de hidróxeno para impulsar esta enerxía
Agrupa dezaseis proxectos de distintas comunidades e recibirán 1.200 millóns de euros en axudas dos fondos europeos
Participan os proxectos Val do Eume, de Reganosa e Forestal do Atlántico, e Val da Coruña, de Ignis
O Ministerio de Transición Ecolóxica deu a coñecer esta semana a listaxe de proxectos admitidos na alianza de vales de hidróxeno, unha rede de colaboración estatal na que participan 16 clústeres enerxéticos, dous deles galegos.
Estes proxectos recibirán 1.200 millóns de euros dos fondos Next Generation da Unión Europea para avanzar na descarbonización.
A Asociación Galega do Hidróxeno uniuse á rede creada esta semana co obxectivo de desenvolver proxectos de produción e distribución do hidróxeno de xeito coordinado entre as comunidades autónomas.
"É preciso traballar nas sinerxias que cada un de nós ten, e xerar unha interlocución moito máis sólida que a individual en canto ás necesidades que ten o hidróxeno para desenvolverse no noso país. É moi importante traballar o ecosistema, porque hai moitos proxectos de xeración pero hai moi poucos consumidores identificados, que é o que leva a todos os desenvolvedores a demorar a decisión de poñer a primeira pedra do proxecto. Tamén é necesaria unha regulación específica do hidróxeno, porque agora mesmo estamos suxeitos á regulación de gas, e aínda que é un gas ten moitas particularidades a nivel industrial. Precisamos moita máis axuda a nivel de financiamento", asegura Mayte Gutiérrez, xerente da Asociación Galega do Hidróxeno
Desde a Asociación insisten no potencial galego para desenvolver proxectos de hidróxeno. Na actualidade hai en marcha máis de 30, en distintos niveis de desenvolvemento.
"Temos unha capacidade hídrica moi importante, pola pluviosidade e pola capacidade que temos de encorar auga, que nos últimos anos supuxo un 80 %. Ademais, estamos no litoral, o que é moi beneficioso nos proxectos que valoran a posibilidade de electrolizar auga de mar. Dispoñemos de moitos portos, tres deles con proxectos de hidróxeno moi importantes", di Gutiérrez
Os proxectos galegos que entran nesta alianza e recibirán fondos europeos están xa avanzados e prevese que estean executados en 2028. Son o Val do Eume, de Forestal do Atlántico e Reganosa, e o Val da Coruña do Grupo Ignis.