Galicia reduce os casos activos de covid tras nove días de aumentos
Hai 78.029 galegos con covid, case 700 menos que 24 horas antes
Baixa a presión asistencial, hai 551 enfermos ingresados, nove menos
A morte de dúas persoas por coronavirus eleva a cifra a 2.875 falecidos pola pandemia en Galicia
Este sábado os indicadores da incidencia da covid en Galicia deixan un certo alivio. Rexístrase nas últimas horas, con datos das 18 horas do venres, unha diminución superior ao medio cento de infeccións activas; hai 78.029 casos activos, que son 663 menos que a xornada anterior.
Os positivos detectados en todas as probas diarias realizadas increméntanse de xeito lixeiro, son 6.699, (+358), pero son o único dato que reflicte un incremento nesta xornada.
A presión asistencial diminúe nas últimas horas, son 551 os pacientes hospitalizados, nove menos que a xornada precedente. O descenso dáse tanto en planta, con 502 enfermos, cinco menos, coma nas UCI, con 49 persoas ingresadas nestas unidades, catro menos que as 24 horas anteriores.
A incidencia segue a baixar tanto a sete coma a catorce días; 73 puntos menos a dúas semanas, ata os 3.259 e 95 puntos menos a unha semana ata os 1.300 casos cada cen mil habitantes, conforme os datos do Ministerio de Sanidade.
O Sergas notificou o falecemento de dúas persoas que foran diagnosticadas con covid. Con elas, a cifra total de decesos sobe a 2.875 desde o comezo da pandemia en Galicia.
As últimas vítimas mortais do coronavirus son unha muller de 68 anos ingresada na Coruña e un home de 87 en Pontevedra.
Situación por áreas sanitarias
As infeccións activas só soben, aínda que lixeiramente na área da Coruña, (+10) e baixan no resto en maior ou menor proporción. Pola contra, os positivos diarios só rexistran un descenso nos datos na área de Ourense e aumentan no resto das áreas sanitarias galegas. A mellor situación nas UCI aparece en Ferrol con só un paciente ingresado en críticos e a maior presión en agudos está na Coruña, con 12 enfermos nestas unidades.
A Coruña: 16.197
Vigo: 20.860
Ourense: 7.972
Santiago: 11.850
Lugo: 8.020
Pontevedra: 9.258
Ferrol: 3.872