Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia puxa por ter en Santiago o primeiro centro de protonterapia do estado

Galicia puxa por ter en Santiago o primeiro centro de protonterapia do estado

A construción da máquina, que financia a Fundación Amancio Ortega, xa está adxudicada e o proxecto da sede está a punto de adxudicarse

O centro galego estará listo en 2025, tras un investimento global de 56 millóns de euros

A radioterapia de protóns é menos tóxica e máis precisa que a de fotóns

G24.gal 07/11/2022 14:42

O Sergas quere que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma en contar cun centro público de protonterapia para o tratamento do cancro. O proxecto xa está bastante avanzado, segundo o conselleiro de Sanidade.

Julio García Comesaña dixo que o centro vai estar emprazado moi preto do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e que vai contar cunha das dez máquinas cedidas pola Fundación Amancio Ortega para toda España e que están valoradas en 28 millóns de euros cada unha. 

"O financiamento do equipo, que é a parte fundamental deste proxecto, faina a Fundación Amancio Ortega dentro do convenio asinado polo Ministerio de Sanidade, e o galego é un máis deses equipos. E nós queremos que, dos dez, o primeiro sexa o galego e seguimos loitando para que poida ser así", explicou o conselleiro.

Pretenden ademais que a máquina galega sexa de dobre face para permitir proxectos de investigación. A radioterapia de protóns supón un avance na loita contra o cancro.

"A protonterapia é unha técnica específica que irradiando en vez de con fotóns con protóns permite axustar a enerxía deses protóns e que chegue a onde está o tumor castigando moi pouco os tecidos que están antes e despois", engadiu García Comesaña.

A principal vantaxe que subliñaron nun acto de Física Médica este luns: poder aumentar as doses terapéuticas protexendo os tecidos adxacentes. A idea é que o centro galego de protonterapia podería estar funcionando a finais de 2024 ou comezos de 2025. Son en total 56 millón euros de investimento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade