Galicia propón a incorporación do certificado covid para os nenos de 11 a 5 anos tras recibir a primeira dose
Galicia propón a incorporación do certificado covid para os nenos de 11 a 5 anos tras recibir a primeira dose
Comesaña estuda convocar o omité clínico en pleno a próxima semana
"Estamos a piques de acadar un nivel de contaxios que nos obrigaría a tomar medidas", dixo o Conselleiro de Sanidade
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que Galicia propón incorporar o certificado covid para os nenos de 11 a 5 anos cando fosen convocados á primeira dose e a porcentaxe de inmunización deste grupo xa sexa elevado.
A principal diferenza estaría en que a primeira dose xa serve como certificado, xa que para este grupo de idade a segunda se inoculará ás oito semanas e non aos 21 días como para os adultos e adolescentes.
Polo de agora non se pecharon os detalles de como se implantará. Comesaña fixo estas declaracións tras asistir ao acto do segundo aniversario da posta en marcha das ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería, en Santiago.
Alí valorou que a adherencia da vacinación deste grupo de idade, que arrincou o mércores, segue estando en niveis similares ao primeiro día, que foi do 87,8 %, o 8,63 % da poboación diana.
Comité clínico
Esta tarde, os sete membros do subcomité clínico deciden se volven pedir o consello do Comité en pleno, dos seus 35 membros, que non se reúnen desde Outubro. Non hai data fixada aínda, pero a reunión do pleno de expertos podería ser o luns ou o martes da semana que ven. Reuniríanse para analizar a situación de contaxios actual e as medidas ou recomendacións de cara ao Nadal.
O conselleiro defendeu que a capacidade asistencial e diagnóstica do Sergas segue forte. Aínda que entrase en escena unha variante máis transmisible e neste contexto de gran cobertura vacinal, o conselleiro de Sanidade descartou que poida haber circulación dun gran número de asintomáticos non detectados, como algúns expertos alertan noutras comunidades. Cre que a capacidade diagnóstica de Galicia segue intacta.
"Galicia está agora mesmo nos niveis máis altos de probas diagnósticas por cen mil habitantes; sempre foi unha constante da nosa comunidade en todos estes meses", dixo.
Hoxe o DOG prohibe os cócteis en que bebidas e petiscos se toma de pé. E pola noite entra en vigor a esixencia do certificado en ximnasios, residencias, e eventos multitudinarios.
"Intentar ser un pouco prudentes porque estamos a piques de pasar dun nivel de contaxios que nos levaría ter que tomar medidas. Aínda que cremos que se as cousas seguen estables non sería necesario. É certo que a situación os hospitais seguen estando en parámetros razoables", explicou Comesaña.
O titular de Sanidade pide que sexa unha decisión do Ministerio a de poñer ou non en corentena os contactos que estean vacinados, para unificar criterios, xa que hai traballadores dunha comunidade que traballan noutra. Tamén apelou á responsabilidade de todos asegurando que a escaseza de médicos en Primaria dificulta cubrir as baixas.
"Como saben as listaxes de contratación de médicos están esgotadas e cando un médico ou dous teñen unha baixa temos verdadeiras dificultades para cubrilo. Normalmente hai un esforzo importate dos seus compañeiros que quero publicamente agradecer".
Comesaña pedía prudencia e sentidiño na base de Conxo do 061. E anunciou máis ambulancias de soporte vital avanzado para atender urxencias e zonas despoboadas.