Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia elimina o luns a corentena para contactos estreitos por covid

Galicia elimina o luns a corentena para contactos estreitos por covid

A Xunta mantén a recomendación de empregar a máscara nos patios escolares

O seguimento dos contactos si se mantén en ámbitos vulnerables como hospitais, residencias de maiores ou centros de diálise

G24.gal 04/03/2022 12:58

Galicia elimina desde o luns día 7 de marzo a obriga de facer corentena a todos os contactos estreitos dos casos positivos de covid-19, que ata o de agora debían gardar as persoas non vacinadas con excepción das persoas que pertencen a ámbitos vulnerables.

O conselleiro de Sanidade di que as taxas de vacinación e a escasa ocupación hospitalaria permiten dar un novo paso na desescalada. 

"É tempo de recuperar espazos, apertas, sorrisos, pero non os imos enganar, imos facelo coma sempre en Galicia, con sentidiño"

O conselleiro, Xulio García Comesaña, afirma que "a volta a normalidade xa comeza a ser real".  Anunciou que Sergas opta agora por reducir as medidas de seguimento para a poboación xeral para centrarse nos vulnerables.

"Os rastrexos só continuarán en centros hospitalarios, centros de diálise e residencias sociosanitarias"

"Imos seguir facendo estudo de contactos ás persoas que residen ou acoden como usuarios ou están ingresadas nos ámbitos vulnerables e tamén aos traballadores deses lugares que teñen contacto directo, pero xa non ás persoas sas", explican dende a Dirección Xeral de Saúde Pública.

"A todos os casos positivos chamaranos para explicarlles as medidas de illamento".

Pero os seus contactos sans e non vulnerables non terán corentenas nin rastrexos. Pídeselles agora que extremen as precaucións durante 10 días: que extremen o uso da máscara, eviten aglomeracións e reduzan a súa actividade ao esencial.

É o primeiro chanzo dun avance para cambiar totalmente a xestión da pandemia. Aprobarano para a semana que vén en Zaragoza, Goberno e comunidades, e podería supoñer o relaxamento tamén do uso da máscara en novos ámbitos en interiores.

En Galicia cadraría co remate da segunda quenda de vacinas aos menores de 11. Podería rematar entón, se así avala a o comité clínico, a obrigatoriedade das máscaras nos patios escolares.

Galicia dará este paso o luns e non o sábado como o resto das comunidades autónomas

Galicia dará este paso o luns e non o sábado como o resto das comunidades autónomas ao considerar que realizar este cambio ao comezo da semana é "máis operativo", segundo sinalaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, en conferencia de prensa.

Así, desaparece a corentena para os denominados contactos estreitos destas persoas, considerados como tal aqueles que estiveron durante máis de quince minutos a menos de dous metros dun caso confirmado e que non estivesen vacinados.

Esta flexibilización realízase para os casos xerais, pero, con todo, nos "ámbitos vulnerables" como "os centros sanitarios, os centros de diálise e os centros sociosanitarios -residencias de maiores e de dependentes, os centros de día e os centros penais- os usuarios ou os traballadores con atención directa" si deberán gardar corentena.

Para este cambio nas corentenas, o Sergas vai cambiar o operativo en canto ás chamadas a positivos aos que xa non se lles preguntará polos seus contactos estreitos, aínda que si recibirán unha chamada por parte dos profesionais para coñecer o seu estado de saúde e tramitarlle un parte de baixa en caso de ser necesario.

Xa non se requirirán probas diagnósticas para os contactos estreitos a non ser que presenten síntomas. Estes contactos estreitos pasan a ser "casos sospeitosos" cando presenten síntomas compatibles coa enfermidade e "neste caso si se solicitará proba diagnóstica".

Finalmente, remarcaron que Galicia “non cambiou a vontade de rexistrar casos positivos”, polo que seguirán rexistrándose tanto as probas feitas por sanitarios como os autotest.

A Xunta ve "prudente" manter máscara nos patios ata completar vacinación

García Comesaña, insistiu en que é "prudente" manter o uso de máscara nos patios dos colexios, á espera de "completar" o proceso de administración da segunda dose da vacina contra a covid-19 aos nenos de cinco a once anos.

O conselleiro insistiu en que o comité clínico considera os patios de recreo como lugares de aglomeracións. Admitiu que pode haber patios nos que, en función da dimensión do recinto, esta "consideración é cuestionable", mentres que noutros non existe dúbida algunha de que se trata dunha aglomeración.

Por tanto, emprazou a completar a vacinación coa segunda dose e analizar a situación xeral nese momento para logo reformularse esta recomendación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos