Galicia celebra o aniversario da Carta Magna con actos institucionais nas catro provincias
Na Coruña, a "Árbore da Democracia" lembra que cómpre traballar colectivamente polos nosos dereitos e liberdades
Galicia conmemorou o 47 aniversario da Constitución con actos institucionais nas subdelegacións do Goberno das catro provincias. Na Coruña a celebración tivo un carácter participativo e simbólico.
As persoas convidadas puideron escoller un artigo da Carga Magna e peduralo na árbore da democracia, un símbolo que representa a necesaria implicación activa da cidadanía na construción do marco democrático.
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, elixiu o artigo 14, que proclama o dereito á igualdade.
"Creo que é un momento de lembrar a Constitución, pero tamén recordar que temos que seguir traballando día a día, porque os dereitos que non se traballan son dereitos que se perden", dixo Abalde.
A árbore como recordo de que as liberdades e os dereitos non son automáticos, unha idea na que tamén incidiu a alcaldesa da Coruña. Inés Rey destacou o artigo 47 da Constitución.
"É un artigo que lamentablemente está en boca de todos polas dificultades do acceso á vivenda, un dereito constitucional. Isto lémbranos que temos que seguir traballando día a día para consolidar e garantir os dereitos que están recollidos na Carta Magna", afirmou a alcaldesa.
A historiadora Aurora Marco apelou ao compromiso colectivo para construír unha sociedade libre e igualitaria durante a súa intervención no acto institucional, que reuniu diversas autoridades civís e militares na subdelegación do Goberno coruñesa.