Filipe VI defende que a mellor forma de conmemorar a Constitución é cumprila, e reivindica a súa vixencia
Filipe VI defende que a mellor forma de conmemorar a Constitución é cumprila, e reivindica a súa vixencia
Filipe VI preside o acto para celebrar que a Constitución de 1978 é a máis lonxeva
Con 47 anos, dous meses e trece días de vixencia, a Constitución de 1978 será xa a máis lonxeva da nosa historia. Don Filipe e dona Letizia presidiron a efeméride no Congreso, un acto para lembrar a vontade do pobo español que imperou durante o debate constitucional, a clave da súa pervivencia.
Filipe VI asegurou que a mellor maneira de conmemorar a Constitución é cumprila e defendeu a vixencia do ordenamento constitucional a pesar dos "tempos difíciles e incertos que fan aínda máis visibles as imperfeccións que como toda obra humana ten o noso marco normativo".
Durante o seu discurso, o rei destacou que máis aló dos anos que cumpra a Carta Magna, celébrase a súa lexitimidade de orixe, isto é "a vontade do pobo español libremente expresada nas urnas".
O rei tivo un recordo para os que perderon a vida no camiño cara á consolidación das liberdades democráticas e, en concreto, ao profesor Francisco Tomás y Valiente, asasinado por ETA hai 30 anos, palabras que foron aplaudidas polos asistentes ao acto no hemiciclo.
Sen presenza do rei Xoán Carlos, o acto contou coa participación de autoridades como o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a do Congreso, e o do Senado, ademais dos expresidentes do executivo Felipe González e José María Aznar.
Ausencia das formacións nacionalistas
Como líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, nunha celebración á que non se quixeron sumar algúns dos socios de investidura como ERC, Junts, Bildu, PNV e BNG. Podemos acudiu en sinal de protesta e dentro de Sumar houbo ausencias como a de Compromís.
Tralo acto, os Reis visitaron unha exposición conmemorativa no propio Congreso.