Galicia activa o aviso amarelo por neve na zona da montaña de Lugo
Alerta a Xunta de que se requírese especial precaución para circular pola A-6 e por estradas próximas
As quitaneves xa están preparadas, en caso de que fagan falta
Cae a primeira nevarada do ano nas montañas de Lugo, como podemos ver en directo na cámara web da CRTVG no Cebreiro.
Galicia activou hoxe o aviso amarelo por neve na zona da montaña de Lugo. Alerta a Xunta de que se requírese especial precaución para circular pola A-6 e por estradas próximas. As quitaneves xa están preparadas, en caso de que fagan falta.
Segundo informou o servizo de emerxencias 112 Galicia, hoxe empregouse o sistema É-ALERT en Castela e León ao ter alerta vermella por neve e este aviso, por proximidade, pode afectar aos concellos de Cervantes e Navia de Suarna (Lugo), e Veiga e Carballeda de Valdeorras (Ourense).
O aviso en Castela e León é de "risco extremo" por nevadas na Cordilleira Cantábrica de León e Palencia, polo que se declarou a situación de alerta meteorolóxica e Protección Civil insta a evitar desprazamentos e actividades ao aire libre.
O primeiro aviso emitiuse ao redor das 9 horas da mañá, pero haberá máis ao longo do día, lembra o 112.
As recomendacións, ante o aviso de alerta
-Consultar o estado das estradas
-Revisar o vehículo
-Levar sempre o móbil coa batería cargada
-Ter coidado coas vías porque poden estar esvaradías
A montaña de Lugo prepárase para a chegada da neve
As máquinas quitaneves están preparadas para o que está por chegar. As temperaturas descenderon notablemente en Galicia. Na montaña de Lugo e Ourense os termómetros marcarán valores negativos.
O aviso por neve en Galicia é amarelo na montaña de Lugo que afectará principalmente mañá luns.
A cota baixará dos mil metros pola noite e moitos esperan xa esas primeiras neves.