Gabri Veiga xa é xogador do primeiro equipo do Celta
O centrocampista levará o dorsal número 24
Gabri Veiga converteuse en xogador do primeiro equipo do Celta, cumprindo así un dos seus soños:
"Desde que cheguei con 11 anos sempre tiven un obxectivo. Fun o neno máis feliz do mundo cando pisei A Madroa por primeira vez. Traballei coa máxima ilusión, aprendín de cada un dos meus compañeiros e adestradores", declara nun vídeo difundido polo Celta.
O centrocampista, que levará o dorsal número 24, tivo minutos nos cinco últimos partidos da liga pasada e esta tempada converteuse nun xogador do primeiro equipo para todos os efectos salvo na ficha, que seguía sendo do B, co que só disputou un partido ás ordes de Claudio Giráldez esta campaña, o primeiro.
Na actualidade, o porriñés acumula tres encontros consecutivos como titular e suma catro goles e unha asistencia, converténdose nunha das sensacións da liga. O seu próximo reto debe ser acabar os partidos, xa que ata a data, sempre foi un dos trocos realizados por parte de Carlos Carvalhal.