Frea o ritmo de contaxios na área sanitaria de Vigo
Aínda así segue a ser a que conta con máis casos activos
A área sanitaria de Vigo continúa a ser a que ten máis casos activos, pero frea en seco o crecemento dos contaxios das últimas semanas. Baixa case á metade. Unha noticia alentadora para a área sanitaria de Vigo que levaba unha progresión vertixinosa que semellaba non ía tocar teito.
Dos case novecentos casos notificados o domingo, descendeu hoxe a catrocentos sesenta e oito.
Despois de moitos días á cabeza, canto ao número de novos contaxios, baixa á segunda posición.
Tendo en conta as persoas que xa recibiron a alta, a cifra de casos activos só se incrementa en 18 máis con respecto ao domingo. Con todo, segue sendo a área sanitaria con maior número de casos.
É tamén a área con maior presión hospitalaria, aínda que semella que se está a frear a progresión. Hai 80 pacientes hospitalizados en planta, igual ca onte, e 14 na UCI, un máis que o domingo.
Dende o pasado día 29 notificáronse catro falecementos en pacientes ingresados, todos con patoloxías previas.