Formoso: "Se non queremos carbón, nin gas nin eólica, de onde sacamos a enerxía?"
O presidente da Deputación da Coruña critica o "movemento antiindustria" por ser o sector que achega "máis valor engadido"
Pide facer "pedagoxía" con respecto á enerxía eólica que considera imprescindible para empresas como Resonac e Alcoa
Reclámalle ao Estado e á Xunta que se "poñan mans á obra" para corrixir as eivas no transporte ferroviario e por estrada de Ferrolterra
O presidente da Deputación da Coruña admite ser moi crítico co "movemento antiindustria", un concepto que di non entender.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Valentín González Formoso, asegurou que o sector secundario é o que xera "maior valor engadido".
"Non concibo un movemento antiindustria se temos en conta que o maior valor engadido achégao sempre a industria. A gran potencia económica europea non é Polonia senón Alemaña polas súas fábricas de aceiro, os seus altos fornos e o seu sector automobilístico".
O tamén alcalde das Pontes sinalou que a soberanía do país non só se pode referir á política, senón tamén á soberanía alimentaria e á enerxética.
"Se non queremos carbón, se non queremos nucleares, nin hidráulicas, nin queremos gas natural, nin eólica, de onde vai saír a enerxía?".
Formoso pediu facer pedagoxía con respecto á instalación de parques eólicos. Denunciou a "freada" que, ao seu entender, supuxo a Xunta de Alberto Núñez Feijóo que "encontrou no sector eólico un elemento de confrontación co Goberno do Estado, que apostaba radicalmente por unha despregadura das renovables ás veces demasiado ambiciosa e irrespectuosa cos condicionantes locais".
"Crítica absoluta a aquela etapa da Xunta de Feijóo, pero agora mesmo non podemos mirar cara atrás. A xente ten que saber que para que na Coruña Resonac poida facer a súa planta de grafito totalmente tecnolóxica e investir 400 millóns necesita enerxía limpa dos parques eólicos que se están negando. Ten que saber que para que Alcoa continúe a ser o motor económico da provincia de Lugo necesita seis parques eólicos con enerxía económica e competitiva".
Engadiu que para impulsar as plantas de hidróxeno que nos fagan soberanos enerxeticamente e "para non depender de Putin, nin de Alxeria nin de Marrocos" precísanse os parques eólicos proxectados en Galicia.
" Se non somos competitivos enerxeticamente pasarannos por diante. Xa nos están pasando. As grandes industrias xa están buscando outras localizacións e estamos a perder oportunidades".
Con respecto a Altri, Valentín González Formoso lamentou que a celulosa non escollera As Pontes para a súa localización.
"Dentro das localizacións que estudou, Altri barallou As Pontes e rexeitouna alegando motivos técnicos. Tampouco me gustaría verme nun proxecto no que o promotor se agocha detrás de axudas públicas e non dá un paso adiante".
Reconversión industrial
Na Radio Galega, o alcalde das Pontes admitiu que a reconversión industrial "non está sendo doada nun concello eminentemente enerxético". Valentín González Formoso afirmou que a maneira de superar esta situación é "levantando a cabeza e deixando de mirar atrás".
O rexedor explicou que algúns dos proxectos para remudar á central térmica están parados, como a fábrica de rodas, pero confiou en que Endesa impulse outras actividades, porque "é a súa obriga a cambio de recibir 900 megawatts da Xunta".
Formoso adiantou que se prevé que a finais de ano o Consello da Xunta autorice a fábrica de recuperación de fibras de papel e téxtiles que Ence proxecta na zona.
Con respecto ao proxecto dunha central hidráulica reversible, o alcalde explicou que aínda "está verde" pero que hai interese por buscar solucións aos apagamentos cunha planta "que aproveite o lago das Pontes para xerar enerxía polo día e almacenala pola noite".
Infraestruturas
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o presidente da Deputación da Coruña pediulles ao Ministerio de Transportes e á Xunta que recoñezan as eivas no transporte ferroviario e de autobús.
Segundo Valentín González Formoso, Ferrolterra non pode ter un trato diferenciado das comarcas de Santiago ou da Coruña. Engade que o Ministerio ten que responsabilizarse "de todo o que non se fixo en 100 anos" e a Xunta non pode permitir "o caos no transporte urbano e rural que acaba de apuntar a Valedora do Pobo".
"Esiximos que Ferrolterra conte na planificación do Ministerio e que se executen investimentos ferroviarios que nos homologuen co resto de Galicia. Vemos buses antigos que paran no medio do traxecto, que incumpren as normas de seguridade. Debemos urxir á ambas as dúas administracións que recoñezan a realidade e que se poñan mans á obra".
En canto á AP-9, o presidente da Deputación da Coruña afirmou que "xa toca que sexa gratuíta". Formoso explicou que as bonificacións pola viaxe de volta gratuíta cústanlle ao Estado máis de 80 millóns e criticou o que considera falta de coherencia da Xunta nas súas reclamacións.
"A viaxe de volta na AP-9 é gratuíta. Non acontece o mesmo nas autoestradas da Xunta, que teñen unha bonificación de só o 25%. Hai unha diferenza que debería afrontarse por parte da Xunta para ser coherente na reclamación ao Estado que todos compartimos".
Segundo Formoso, debería concretarse o custo real do rescate e o Estado debería aboalo tal e como fai en moitas autoestradas radiais do resto de España.
No que atinxe aos aeroportos, Valentín González Formoso cre que a Xunta "debe dar un paso adiante" e asumir as súas competencias tendo en conta que "non hai solucións máxicas".
"A competencia feroz do Porto onde un de cada dez usuarios xa é galego obriga a dar un paso adiante, sentar as partes, asumir competencias e construír unha alternativa aeroportuaria con conexións cos núcleos urbanos. Que a Xunta non teña medo en abordar esa competencia porque, pola nosa parte, vai ter todo o apoio".
Orzamentos
Na Radio Galega, o titular da Deputación da Coruña adiantou que o próximo día 21, o ente provincial aprobará os orzamentos de 2026.
"A partida prioritaria é o Plan único, dotado con 138 millóns para financiar os investimentos e gastos correntes dos concellos da provincia da Coruña. Con cargo a este plan poden pagar as nóminas do SAF ou contratar persoal para servizos de obras, facer investimentos en colexios. É, sen dúbida, o plan municipal máis ambicioso que hai en Galicia".
Valentín González Formoso puxo en valor a iniciativa "Merca na vila" para dinamizar o comercio local. Segundo explicou, están satisfeitos coa acollida que está a ter. Ata o momento, rexistráronse 72.000 descargas.