O Goberno declara Ferrol Lugar de Memoria pola súa "resistencia fronte á ditadura"
A declaración destaca que na cidade hai "unha xeografía histórica que permite facer visible a violencia exercida pola ditadura e preservar a memoria"
Monumento ao 10 de marzo en Ferrol, dedicado á memoría de Amador Rey e Daniel Niebla
O Boletín oficial do Estado publicou este luns a declaración da cidade de Ferrol como Lugar de Memoria Democrática, exposta nunha resolución da Secretaría de Estado de Memoria Democrática que recoñece a súa "resistencia fronte á ditadura" e o traballo para recuperar "os valores democráticos".
O documento sinala que a urbe naval reúne numerosos espazos vinculados á defensa da legalidade republicana, á represión e ás graves vulneracións dos dereitos humanos cometidas durante e despois da Guerra Civil.
Entre eses espazos, cítanse os cemiterios de Serantes e Canido, este último xa desaparecido; ademais do castelo de San Felipe, o cuartel de Dolores, a comisaría da Policía Nacional ou o estaleiro de Navantia.
A resolución tamén menciona lugares vinculados á vida democrática, cultural e obreira da cidade, como o teatro Jofre, o Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia ou o Cantón de Molíns.
Así mesmo, alude á memoria de figuras como Concepción Arenal, Ricardo Carvalho Calero e Pablo Iglesias Posse, nacidos en Ferrol e vinculados, respectivamente, á defensa do reformismo social, a cultura e a lingua galegas e os dereitos dos traballadores.
"En conxunto, estes elementos conforman unha xeografía histórica que permite facer visible a violencia exercida pola ditadura e preservar a memoria", reflicte a nota explicativa.