Formoso marca Ourense como a meta do PSdeG nas municipais de 2023
A alcaldía e a Deputación de Ourense serán o obxectivo prioritario dos socialistas galegos
O secretario xeral mantén a incógnita sobre se será candidato á alcaldía das Pontes
A alcaldía de Ourense e a presidencia da súa deputración provincial son a "meta clara" ás que aspira o PSdeG nas próximas municipais. Así o sinalou este sábado o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, que prersidiu a reunión ordinaria da Executiva do partido.
"A cidade de Ourense necesita osíxeno, necesita recuperar a ilusión que perdeu nos últimos anos co goberno que permitiu o Partido Popular, o máis esperpéntico da historia da democracia municipal deste país", afirmou.
Indicou que o partido puxo "toda a carne no asador" para decidir o candidato na cidade das Burgas, tras suspender os socialistas o proceso de primarias e designar a Francisco Rodríguez. "Arriscamos enormemente buscando unha figura que representase o mellor de Ourense e do consenso ourensán, que superase ademais os peores momentos na política ourensá dos últimos anos e co apoio claramente dunha sociedade que clamaba pola súa volta política", sinalou en referencia a Francisco Rodríguez.
Engadiu que o candidato socialista "vai axudar" a conseguir o goberno da Deputación. "Por primeira vez na etapa democrática e tendo unha presenza que permita a Ourense reactivarse economicamente, culturalmente e socialmente, e que free sobre todo esa fuga de talento, esa desmoralización que arrasa claramente esa provincia", dixo.
Formoso destacou que o Partido Socialista "é a formación política máis apegada ao mundo municipal". "Onde hai un alcalde ou alcaldesa socialista hai política progresista, hai unha concepción da política do consenso baseada na procura principal de políticas activas de emprego e sobre todo de protección social", sinalou.
O político socialista eludiu pronunciarse se repetirá para tentar renovar como alcalde das Pontes, e sinalou que ese é un asunto que terá que dilucidarse no propio ámbito municipal.