Publicador de contidos

Publicador de contidos

Folga indefinida dos bombeiros comarcais en toda Galicia

Folga indefinida dos bombeiros comarcais en toda Galicia

Cincocentos profesionais reclaman a conversión en persoal laboral fixo dos efectivos

G24.gal 15/06/2023 17:36 Última actualización 15/06/2023 17:46

Preto de 500 bombeiros comarcais de ao redor de 25 parques das catro provincias, con consorcios ao 50 % de Xunta e deputacións, están chamados a secundar unha folga indefinida autonómica desde este xoves.

Reclaman que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión en persoal laboral fixo dos efectivos e mais un convenio autonómico coas mesmas condicións para os traballadores, unido á mellora de medios e aumento de persoal.

Os representantes dos traballadores fan unha chamada de "urxencia" ás administracións para que senten a negociar.

"Seguimos sen recibir ningunha noticia da Xunta nin dos consorcios. Xa nos tiñan que chamar se querían arranxar isto canto antes", lamenta o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, Anxo Moldes (CIG).

Delegados dos bombeiros de toda Galicia celebraron un encontro en Santiago este xoves para ultimar un documento coas súas reivindicacións para unha negociación. Unha das súas principais denuncias é a falta de persoal.

Este xoves están pechados os parques de Santa Comba e Vilagarcía por falta dos empregados necesarios.

Sen servizos mínimos en Ourense

Moldes explica que só se cumpriu o requirimento de fixar servizos mínimos na provincia da Coruña, coas quendas habituais, posto que as provincias de Pontevedra e Lugo xa se atopaban en folga tamén con servizos ao 100 %.

Ademais, avisa de que na provincia de Ourense se vive "o problema de que agora mesmo os traballadores non saben que facer porque non hai servizos mínimos establecidos".

"Queremos que se fixen os servizos mínimos polo calendario laboral establecido para ser os máximos posibles, non os mínimos posibles", deixa claro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade