Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas considera que "non hai indicios dunha posible infracción" do dereito da UE no proxecto de Altri

Bruxelas considera que "non hai indicios dunha posible infracción" do dereito da UE no proxecto de Altri

A comisaria de Medio Ambiente responde ás preguntas formuladas pola eurodeputada do BNG Ana Miranda e por Estrela Galán, de Sumar

G24.gal 23/05/2025 15:43

A Comisión Europea considera que "non existen indicios dunha posible infracción" do dereito da Unión "nesta fase do procedemento" relativo ao proxecto de Altri en Palas de Rei. Así se pronuncia a comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, nunha resposta idéntica ás preguntas formuladas polas eurodeputadas do BNG Ana Miranda e Estrela Galán, de Sumar, segundo avanzou 'Praza'.

En concreto, Miranda preguntaba pola eventual "vulneración en Galicia" da directiva sobre os hábitats con respecto á presenza de hábitats prioritarios e especies críticas desprotexidas, "por inacción administrativa".

Pola súa banda, Galán referíase tamén á "posible vulneración de normativa comunitaria no proxecto Gama (macrocelulosa de Altri) en Galicia".

"A declaración de impacto ambiental emitida polas autoridades competentes non constitúe unha autorización para o desenvolvemento do proxecto", advirte a comisaria.

Respecto diso, precisa que esta "está suxeita á obtención de todos os permisos pertinentes esixidos pola lexislación ambiental da UE".

Roswall considera que na actual fase "non existen indicios dunha posible infracción" e avisa de que a Comisión "carece de competencias para suspender proxectos nos estados membro". Así, cingue a súa capacidade de intervención "aos casos estruturais e sistémicos, non ás situacións puntuais de presunto incumprimento". 

Ademais, indica que, "segundo a información dispoñible, non parece que o proxecto a grande escala de Altri estea a recibir fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) neste momento". Por iso, a Comisión "non está en condicións de avaliar a conformidade do proxecto cos requisitos do MRR, incluído o principio de non causar un prexuízo significativo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade