Publicador de contidos

Publicador de contidos

Flyyo non operará voos de Fly2Galicia en Santiago por impagamentos

Flyyo non operará voos de Fly2Galicia en Santiago por impagamentos

A aeroliña pide aos pasaxeiros non acudir ao aeroporto

Sostén que os afectados deben solicitar o reembolso a Fly2Galicia

Os avións afectados son os que unen Compostela con Alacante, Bruxelas, Granada, Milán-Malpensa, Múnic, Praga, Venecia e Zaragoza

G24.gal 16/11/2026 15:29

A aeroliña romanesa Flyyo anunciou este luns que non operará ningún dos voos con orixe ou destino o aeroporto de Santiago de Compostela vendidos por Fly2Galicia para viaxar a partir do 1 de decembro de 2026, xa que a compañía "non realizou os pagos debidos conforme ese contrato".

Os avións afectados son os que unen Santiago de Compostela con Alacante, Bruxelas, Granada, Milán-Malpensa, Múnic, Praga, Venecia e Zaragoza.

Así, pide aos pasaxeiros que "non deben acudir ao aeroporto para estes voos".

Flyyo explica que ía operar estes voos para Fly2Galicia en virtude dun contrato de fletamento, pero quedou roto, polo que a aeroliña romanesa deixa claro que queda "indemne" fronte a "todas as reclamacións dos pasaxeiros relativas a estes voos".

Ao respecto, subliña que "Fly2Galicia vendeu os billetes e recibiu os pagos dos pasaxeiros", polo que "deben solicitar a Fly2Galicia o reembolso íntegro por correo electrónico, enviando a solicitude  ás dúas direccións: info@fly2galicia.com e booking@fly2galicia.com".

Agrega que quen comprase o billete a través dunha axencia de viaxes deben dirixirse á súa axencia e quen contratase unha viaxe combinada (voo con hotel ou outros servizos) "deben dirixirse a Fly2Galicia como organizador da viaxe".

Lembra que Flyyo "non vendeu os billetes e non dispón dos datos das reservas nin dos pagos dos pasaxeiros". "Os pasaxeiros que non recibisen o reembolso no prazo de sete días desde a súa solicitude a Fly2Galicia, ou que teñan calquera dúbida, poden escribir a Flyyo a scq.passengers@flyyo.com indicando o seu localizador e achegando a confirmación da reserva e o xustificante de pago, para que Flyyo poida obter de Fly2Galicia os datos da reserva", explica.

O pasado 14 de outubro, Fly2Galicia organizou un encontro profesional en Santiago de Compostela para presentar o proxecto e dar a coñecer as primeiras rutas da compañía. Tiña previsto comezar a operar o 1 de decembro con saídas desde Santiago a Zaragoza, Bruxelas e Milán; con destino a Venecia e Praga desde o 2 de decembro; así como a Granada, Alacante e Múnic, desde o 3 de decembro.

Previamente, o Concello de Santiago suspendera o pasado mes de setembro "toda relación" con Fly2Galicia, a marca comercial dunha operadora turística polos posibles vínculos con Israel de Flyyo, que ía operar os seus voos chárter en Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade