Publicador de contidos

Publicador de contidos

Filipe VI insta á concordia no Perú: "A lingua ten que servir para buscar a paz"

Filipe VI insta á concordia no Perú: "A lingua ten que servir para buscar a paz"

O rei asistiu á cerimonia de inauguración do X Congreso Internacional da Lingua Española

Chegada do rei a Arequipa, a cidade peruana na que se celebra o congreso. Europa Press Chegada do rei a Arequipa, a cidade peruana na que se celebra o congreso. Europa Press
G24.gal 15/10/2025 20:43

O rei Filipe VI lanzou este mércores unha mensaxe de concordia na cerimonia de inauguración do X Congreso Internacional da Lingua Española, onde reivindicou a lingua como unha ferramenta "para buscar a paz e o consenso" e para "potenciar a voz das nacións hispanohablantes" nun panorama global "incerto".

"Nun tempo en que a diplomacia é tan necesaria, a nosa lingua ten  de servir para buscar a paz e procurar o consenso", dixo o rei nunha sesión solemne no Teatro Municipal de Arequipa.

A inauguración do congreso contou coa presenza de autoridades e académicos, entre eles os máximos representantes do Instituto Cervantes, Luis García Montero, e da Real Academia Española (RAE), Santiago Muñoz Machado. En nome do goberno peruano asistiu o secretario xeral da Chancelería, Eric Anderson, tras a destitución o pasado xoves da xa expresidenta Dina Boluarte e o nomeamento como presidente do país do ata o de agora presidente do Congreso, José Jerí.

Nun congreso marcado pola crise de goberno en Perú e polo enfrontamento entre os máximos representantes das dúas principais institucións organizadoras, Fiolipe VI lembrou que esta reunión ha de ser "un exemplo de comunidade de valores: unha conversación ao redor do que une, non ao que separa".

O rei de España reivindicou a lingua como "parte nuclear dun todo da Hispanidade que perdura no tempo e que ben pode reforzar as nosas capacidades futuras ante a crecente complexidade do mundo", unha lingua "puxante, dinámica, punto de confluencia de toda a comunidade hispanohablante".

E manifestou a súa confianza en que o congreso sirva para reflexionar sobre "como podemos dar á nosa lingua un enfoque aínda máis estratéxico, que nos axude a proxectar a nosa voz sobre un panorama global incerto".

Filipe VI chegou este martes a Arequipa e puido visitar a recentemente reaberta Casa Museo de Mario Vargas Llosa.

"A nosa lingua é para nós, os hispanofalantes, o que foi Arequipa para Vargas Llosa: a casa familiar, un espazo de máis de 600 millóns de falantes, fértil en comunicación, en ciencia, en creación literaria, en ideas, en proxectos", dixo.

En torno á mestizaxe e a interculturalidade, un dos eixos programáticos do congreso, o monarca lembrou que "vivimos nun mundo mestizo" e que "ningunha lingua naceu para ser barreira nin muro". Tamén reflexionou sobre os outros dous temas do congreso, a linguaxe clara e a intelixencia artificial.

"Nestes tempos trepidantes, de informacións inmediatas e non sempre veraces, hai que insistir na proximidade, a sinxeleza e a transparencia. A síntese dese discurso é a linguaxe clara e accesible", subliñou.

Así mesmo, destacou o "encomiable traballo" da Rede Panhispánica de Linguaxe Clara e Accesible, que acaba de celebrar en Lima a súa segunda convención.

En canto á IA, subliñou o "papel relevante" que lle corresponde nese ámbito á segunda lingua do planeta en número de falantes nativos.

"Sigamos traballando xuntos para que a IA se nutra, tamén, do español; e de fontes que axuden a preservar a calidade, a corrección e a unidade ─dentro da diversidade─ da lingua".

Na sesión solemne interviñeron tamén García Montero e Muñoz Machado; os escritores Juan Gabriel Vásquez, Giovanna Pollarolo, Oswaldo Chanove e Javier Cercas; o secretario xeral iberoamericano, Andrés Allamand, e o representante do goberno peruano, Eric Anderson. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade