O rei e o presidente do Goberno inauguran a oitava edición do Foro La Toja
Ceuta terá protagonismo neste foro, que este ano premia ao expresidente portugués Rebelo de Sousa
Poden seguir esta tarde a retransmisión en directo a través da TVG e g24.gal
Filipe VI, xunto a outras autoridades, organizadores e convidados durante a edición de 2025
Co título "Un mundo en desorde" arrinca esta tarde na illa da Toxa a oitava edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico. O acto será inaugurado polo rei Filipe VI e o presidente do Goberno Pedro Sánchez.
Os desafíos das democracias liberais ante as tranformacións tecnolóxicas, económicas e sociais do momento centrarán esta oitava edición.
Tras o discurso de apertura por parte do presidente do Goberno entregaráselle o Premio Foro La Toja-Josep Piqué ao expresidente da República de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa.
Esta primeira das tres xornadas do Foro culmina cun diálogo entre o profesor da Universidade de Austin, Robert Kaplan, e a exministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya.
Ata o sábado pasarán pola Toxa os ministros de Economía Carlos Cuerpo, Transformación Dixital Óscar López, o presidente da Xunta Alfonso Rueda, e asistiremos a un cara a cara entre os expresidentes Mariano Rajoy e Felipe González.
O sábado, día de clausura, pariticpará o presidente do PP e haberá un debate entre a líder da oposición democrática en Belarús e o que fora alto representante da política exterior comunitaria Josep Borrell.
Amplo dispositivo informativo dos medios públicos galegos
A Televisión de Galicia desprega esta semana un amplo dispositivo informativo na illa da Toxa, onde se celebra ata o sábado 3 de outubro o Foro La Toja-Vínculo Atlántico 2026.
A inauguración poderá seguirse este xoves en directo na TVG e g24.gal, mentres que a G2 e AGalega.gal ofrecerán todos os debates, intervencións e mesas de análise do foro.
A TVG trasladará á Toxa os seus principais telexornais. Esta tarde Pablo Muñoz presentará desde a illa o Telexornal das 21:00 h e mañá venres Marta Darriba e Pablo Muñoz farán os telexornais das 14:25 e das 21:00 do serán desde A Toxa.